A AUTOVÍA DO SALNÉS DISPORÁ UNHA CONEXIÓN DIRECTA DE CATRO CARRÍS COA AP-9, A TRAVÉS DO NÓ DE CURRO, A PARTIR DESTE VENRES - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 27 de junio de 2012

A AUTOVÍA DO SALNÉS DISPORÁ UNHA CONEXIÓN DIRECTA DE CATRO CARRÍS COA AP-9, A TRAVÉS DO NÓ DE CURRO, A PARTIR DESTE VENRES


O conselleiro de Medio Ambiente supervisou esta mañá as obras, cuxo orzamento ascende a 39 millóns de euros

§         Trátase dunha solución historicamente demandada que mellorará a confluencia e o tránsito dos tráficos neste punto sobre todo nas xornadas estivais
§         A Xunta traslada as desculpas por mor dos atascos rexistrados durante a fin de semana, pero xustamente estas actuacións darán unha reposta á problemática neste punto da rede de estradas galegas
§         Entre esta semana e a vindeira poranse en servizo dúas infraestruturas fundamentais, o Nó de Curro e a Variante de Marín, que servirán para desconxestionar o intenso tráfico das praias que se produce en verán

Barro (Pontevedra), 27 de xuño de 2012.- Os veciños da comarca do Salnés e os usuarios da AG-41 (Autovía do Salnés) disporán a partir do vindeiro venres, 29 de xuño, dunha conexión directa coa autoestrada AP-9, a través do novo Nó de Curro. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a supervisión das obras desta infraestrutura, na que a Xunta inviste 39 millóns de euros.

Hernández sinalou que unha vez que conclúan os traballos que se están a executar na actualidade, co estendido da capa de rodadura entre o tramo que vai dende o enlace de Curro e a AP9, a AG-41 entroncará coa AP-9 no mes de xullo a través dun enlace con catro carrís (dous por sentido). Esta posta en servizo contribuirá a reducir os problemas de retencións que tradicionalmente presentou a conexión entre a AP-9 e a autovía do Salnés nos meses estivais.

O titular de Medio Ambiente trasladou as desculpas aos usuarios da vía polas incidencias e atascos provocados neste punto o pasado fin de semana, ao tempo que recordou que estas actuacións hai que rematalas, polo que estas molestias son inevitables. Sinalou que estes traballos estanse a executar con celeridade para que esta situación sexa a normal canto antes.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia está a traballar na mellora da rede viaria galega para facilitar a circulación nestes meses de verán nos que o tráfico se incrementa de xeito masivo debido ás visitas ás praias. Neste senso, a semana pasada o conselleiro tamén anunciou que o tronco principal da variante de Marín, entre O Regueiriño e Pontevedra, atópase actualmente executado case na súa totalidade, polo que  entrará en servizo no vindeiro 6 de xullo.

Deste xeito, entre esta semana e a vindeira poranse en servizo dúas infraestruturas fundamentais, o Nó de Curro e a Variante de Marín, que servirán para desconxestionar o intenso tráfico das praias que se produce en época estival.

Nó do Curro
Agustín Hernández destacou o traballo realizado polo seu departamento para desbloquear a construción do Nó de Curro e conseguir un deseño funcional que respondera ás necesidades da zona. Ademais, este proxecto tentou minimizar o impacto sobre os veciños, dos que se tiveron en conta as súas reivindicacións, polo que se reduciu a incidencia sobre as áreas residenciais.

O responsable de Territorio sinalou que a importancia desta obra tamén radica en que, ao remate inmediato, o nó de Curro converterase nun importante enclave para a vertebración do tráfico da área industrial de Pontevedra coas vías de alta capacidade (VAC). Esta actuación permitirá sacar do entramado urbano o tráfico de entrada e saída dos polígonos e suporá a ordenación e canalización da elevada intensidade de tráfico que conflúe arredor das zonas industriais da capital de provincia.

Esta infraestrutura ten dous enlaces, un a varios niveis que vai conectar a autoestrada AP-9, a Autovía do Salnés (AG-41) e as futuras autovías Pontevedra- Vilagarcía (AG-47) e Pontevedra - Vigo (A-57), e un segundo enlace de menores dimensións para mellorar a intersección entre a PO-531 (Pontevedra -Vilagarcía) e a parroquia de Curro, que estará rematado neste exercicio.

Asemade avanzou que outro dos retos do seu departamento é que se axilice por parte do Ministerio de Fomento a construción da A-57 dende Curro ata Ponteareas.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario