Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 14 de marzo de 2014

A DEPUTACIÓN CONVOCA 400 NOVAS PRAZAS DE PRÁCTICA LABORAL EN EMPRESAS PARA TITULADOS UNIVERSITARIOS E DE FORMACIÓN PROFESIONAL


As empresas interesadas en beneficiarse do plan teñen ata o 7 de abril para presentar a súa solicitude
·       A convocatoria ábrese tamén ás empresas que, aínda non tendo sede social na provincia, si teñen centro de traballo
·       Conta cun orzamento de 4,2 millóns de euros
·       O 80% dos bolseiros que actualmente están en empresas amósase satisfeito co contido das prácticas
·       O 70% considera que as tarefas que realiza responden ás súas expectativas
·       Valoran especialmente a experiencia adquirida, a formación e o clima laboral
400 novos titulados universitarios ou de formación profesional da provincia de Pontevedra poderán beneficiarse do novo Plan de Práctica Laboral en Empresas que acaba de convocar a Deputación de Pontevedra. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases do programa e abre o prazo para que as empresas interesadas en acollerse ao mesmo poidan presentar as súas solicitudes.
As empresas disporán de 20 días hábiles (ata o 7 de abril) para solicitar bolseiros e, unha vez seleccionadas as empresas e definido o perfil dos titulados que demandan, procederase á convocatoria das bolsas para as que, tal e como sinalou o presidente da Deputación, existe un orzamento de 4,2 millóns de euros.
A selección das empresas farase tendo en conta o contido do proxecto de práctica laboral que presenten e o compromiso de contratación e, posteriormente, procederase á selección dos bolseiros atendendo ás titulacións demandadas polas empresas.
Requisitos
Neste II Plan de Práctica Laboral en empresas, non só poderán beneficiarse del as compañías que teñan a súa sede social na provincia, senón tamén aqueloutras que teñan un centro de traballo nalgún dos seus 62 concellos.
En todo caso, deberán cumprir unha serie de requisitos, entre os que figura a obriga de non extinguir contratos laborais vixentes e non ter realizado despedimentos improcedente de ningún traballador. Así mesmo, esixiráselles que a súa actividade teña relación coa titulación que demanda e que estean inscritas no rexistro público correspondente.
Ademais, terán que presentar o programa formativo e de prácticas que ofertan para o bolseiro e, no caso de que requiran coñecementos específicos de idiomas, deberán facelo constar expresamente na solicitude.
Á hora de adxudicarlle as bolsas, terán preferencia aquelas empresas que non foran beneficiarias do plan anterior e, en segundo lugar, as que fosen beneficiarias do plan e obtivesen unha avaliación positiva por parte da comisión de seguimento.
Unha vez adxudicadas as bolsas para estes dous grupos de empresas, adxudicaránselle a colexios, cámaras, federacións, confrarías e outras entidades similares que non fosen beneficiarias do anterior plan e ás que, sendo beneficiarias, teñan unha boa valoración.
No que respecta aos bolseiros, poderán beneficiarse destas axudas os titulados universitarios e de formación profesional que finalizasen os estudos despois do 1 de xaneiro de 2005, que non teñan experiencia laboral previa na titulación na que van realizar as prácticas e que non sexan beneficiarios na actualidade de ningún dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.
Ademais da convocatoria por titulacións, poderán establecerse convocatorias específicas para aquelas bolsas nas que se requira un bo dominio de un ou máis idiomas. Os que opten a estas bolsas, terán que superar unha proba específica de coñecemento do idioma en cuestión.
As bolsas serán de 800 euros mensuais para os titulados universitarios e de 700 euros para os de ciclos superiores.
Satisfacción co plan en marcha
O presidente da Deputación subliñou o alto grao de satisfacción co plan actualmente en marcha tanto por parte dos empresarios como dos propios bolseiros.
Neste sentido, incidiu en que son moitas as empresas que lle transmiten o éxito desta iniciativa, uns datos que coinciden cos resultados da enquisa que a comisión de seguimento realizou aos bolseiros que actualmente están realizando prácticas en empresas e da que se deduce que o 80,7% está satisfeito co programa.
Así mesmo, un 70% afirma que as tarefas que a empresa lle encomenda responden as expectativas que inicialmente tiña, fronte a un 10% que opina que os traballos encomendados non se adecúan ao seu nivel de estudos e un 7,8% que di que non responde ás súas expectativas.
En canto ao ambiente laboral, o 80% declárase plenamente integrado no equipo de traballo da empresa, un 92,9% asegura que as empresas respectan os seus horarios de prácticas e o 86,8% valora os medios e instalacións nos que realizan as tarefas.
Na enquisa reflíctese que os bolseiros valoran especialmente a experiencia e formación que están a adquirir neste período en empresas, así como as tarefas que realizan, o clima laboral e a oportunidade de inserción que se lle ofrece.


No hay comentarios:

Publicar un comentario