Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 5 de marzo de 2014

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECOLLEU MÁIS DE 35.000 LITROS DE ACEITE USADO EN 16 CONCELLOS DA PROVINCIA



Así mesmo, retirou 64 vehículos abandonados dos montes e cunetas da provincia
·       A cantidade recollida incrementouse en case un 70% en só tres anos
35.096 litros. Esa é a cantidade de aceites usados que a Deputación de Pontevedra recolleu en 16 concellos da provincia no marco do plan de recollida e tratamento de aceites domésticos que ten en marcha desde 2009. Trátase dunha cifra que non para de medrar e que nos últimos tres anos se incrementou en preto do 70%, pasando dos 20.920 litros enviados á en 2010 aos máis de 35.000 de 2013.
Así mesmo, e no marco das políticas da Deputación de Pontevedra de redución da contaminación ambiental, apoio aos concellos e aposta por unha mellor e máis eficiente xestión dos residuos, tamén se retiraron en 2013 un total de 64 vehículos que permanecían abandonados en diferentes municipios.
Recollida por localidades
No que respecta ao aceite usado, Pontevedra foi o concello no que máis aceite se recolleu, cun total de 10.228  litros, seguido de A Illa de Arousa, con 4.497 litros; A Estrada, con 3.278 e Poio, con 3.187.
En O Grove recolléronse 2.816 litros; en A Guarda 2.145; en Silleda 1.925; en Cuntis, 1.617; en Meis 1.155 e en Ponte Caldelas 1.008 litros.
Por debaixo dos mil litros situáronse Moraña, con 745; Valga, con 635; Catoira, 512; Vila de Cruces 438 e Cerdedo con 290.
En todos estes concellos, a Deputación de Pontevedra ten instalados diversos contedores nos que os veciños e veciñas poden depositar o aceite que usan nas cociñas. Poden facelo, ademais, dunha forma áxil e cómoda, cun sistema que se incluíu de modo pioneiro neste proxecto da Deputación e que agora está estendido a case todas as localidades que realizan unha recollida de aceite para a súa reciclaxe.
Este modelo permite que nos contedores de recollida se deposite o aceite directamente en botellas de plástico, sen necesidade de baleirar o contido. Isto evita que se produzan derrames e as consecuentes manchas de aceite e problemas de contaminación localizada que provocaba o vello sistema de bidóns para baleirar nos contedores situados na rúa.
O sistema de tratamento permite que se trituren conxuntamente as botellas de plástico co aceite que conteñen e que, posteriormente, se separen pola súa diferente densidade.
5 millóns de litros de aceite
Cómpre lembrara que na provincia de Pontevedra se xeran anualmente uns 5 millóns de litros de aceites usados que, na maioría dos casos, van directamente polo fregadeiro. A súa posta en valor permitiría un notable aforro polo beneficio que se extrae da súa conversión en biodiésel e outros produtos (xabón, deterxente…); así como polos aforros no mantemento e funcionamento das depuradoras e das redes de saneamento (que poden sufrir atascos e danos pola acumulación de graxas); ademais de evitar serios danos ambientais, xa que un só litro de aceite abonda para contaminar 1.000 litros de auga.
Vehículos abandonados
En canto aos vehículos abandonados, a Deputación de Pontevedra retirou en 2013 un total de 64 coches de diferentes puntos da provincia, no marco dun servizo que a Administración provincial ten en marcha para solucionar un problema que non só afecta á estética das vilas e cidades da provincia, senón que supón un serio risco para o medio ambiente.
A posta en marcha desta iniciativa, que se iniciou en 2011 a modo de proxecto piloto, tivo unha moi boa acollida polos concellos da provincia, que en moitos casos carecían de medios materiais e económicos para prestar o servizo de forma individual e que se adheriron maioritariamente ao plan da Deputación.
O plan, que se desenvolve por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación e unha empresa autorizada para a xestión dos vehículos en desuso, non supón custe algún para os concellos e permite a retirada dos vehículos, a súa desmontaxe para a reciclaxe de pezas e venta do material aproveitable, e a posterior destrución e descontaminación.
O concello no que máis vehículos se retiraron en 2013 foi Marín, con 21 automóbiles (o 33% do total). En Gondomar retiráronse 14 vehículos, 7 Mos, outros tantos en Nigrán, 5 Sanxenxo, 4 en Vilanova de Arousa, 2 en A Illa de Arousa, 2 en Salceda de Caselas, 1 Pontecesures e outro en Moaña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario