Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 17 de marzo de 2014

AREEIRO RECOMENDA TRATAR AS VIÑAS CONTRA A EXCORIOSE EN CANTO COMECEN A AGROMAR AS FOLLAS



Deben darse os tratamentos cando máis do 30% da viña teña xa follas incipientes

·       Os técnicos comprobaron tamén que xa maduraron as primeiras oosporas do fungo que causa o mildiu, pero advirte que non é preciso aínda dar ningún tratamento
Os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) dependente da Deputación de Pontevedra, recomendan estar atento ao agromar das viñas para poder tratalas contra a excoriose en canto as follas estean en estado incipiente.
Advirten que a viña debe estar protexida contra este mal (que afecta a todas as partes verdes da vide) en canto as follas comecen a abrir (follas incipientes), algo que non tardará moito en acontecer, dado que nestes momentos na maioría das plantacións a vide xa conta con xemas infladas ou coas puntas verdes e, incluso, xa se detectan algunhas con follas incipientes ou abertas.
Nestes casos (cando en máis do 30% das viñas as follas estean en estado incipiente) será preciso aplicar os correspondentes tratamentos para previr ou evitar a enfermidade.
Este tratamento faise especialmente necesario se chove, dado que a humidade favorece o desenvolvemento da enfermidade.
Os tratamentos recomendados son os funxicidas e, concretamente, as combinacións de cimoxanilo ao 4% + folpet ao 25% + fosetil-al ao 50; ou folpet 10% + metalaxil 8% + oxicloruro de cobre 7,5%+ sulfato cuprocalcico 7,5%; ou folpet 35% + metalaxil 10% + oxicloruro de cobre 25%; ou folpet 50%; mancozeb ao 35%, 75% ou 80%, e  metiram 80%.
Comeza o ciclo do mildiu
Así mesmo, os técnicos de Areeiro confirmaron que as primeiras oosporas do fungo que provoca o mildiu xa acadaron a súa maduración e, polo tanto, comezou o ciclo desta enfermidade.
Malia todo, lembran que non é preciso dar aínda ningún tipo de tratamento, porque non se dan as condicións meteorolóxicas nin de desenvolvemento da vide necesarias para que progrese a enfermidade.
Nesta liña, desde a Estación Fitopatolóxica lembran que os primeiros tratamentos contra o mildiu daranse cando a planta xa acade certo grao de desenvolvemento e existan unhas condicións ambientais propicias, sobre o que informarán no seu momento.
De feito, nestes días continuarán analizando o estado das oosporas en diferentes comarcas da provincia, para detallar o estado do ciclo do mildiu en cada unha.

No hay comentarios:

Publicar un comentario