Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 30 de marzo de 2014

E TEDES A BOBY?



O CAAN e a Deputación agardan chegar a máis de 2.000 nenos e nenas coa súa campaña a prol dunha tenza responsable de animais domésticos

·        A campaña dá lugar a entrañables anécdotas. A máis frecuente, a de nenos e nenas ansiosos por recuperar o can que un día perderon
·        No mes de marzo foron 500 os cativos de entre 3 e 12 anos que recibiron a visita dos veterinarios do CAAN e membros das protectoras Peludos sen Fogar e Adopcións Galicia
·        O Álvarez Limeses de Pontevedra, o CEIP San Benito de Lérez e o Varela Buxán de Lalín foron algúns dos centros que xa se sumaron á campaña
“¿….e tedes a Boby?”  Boby pode ser Boby, pero tamén Lúa, Lassi, Moro, Toby … ou calquera dos numerosos cans e gatos cos que moitos nenos e nenas se encariñan ao longo e ancho da provincia e que un día, sen que os pequenos saiban moi ben cómo, desaparecen para non volver.
Durante este mes de marzo, os veterinarios do Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha en Armenteira están comprobando que moitos cativos quedan coa ansia de saber que foi das súas mascotas durante longo tempo.
As campañas de concienciación contra o maltrato animal e sobre a tenza responsable de animais que o centro, coa colaboración de integrantes das protectoras Peludos sen Fogar e Adopciones Galicia, está a desenvolver en colexios de educación infantil e primaria da provincia de Pontevedra dá lugar a anécdotas moi entrañables, nas que os máis pequenos demostran verdadeiro cariño polos que tantas e tantas veces son definidos coma o mellor amigo do home.
Frases como “¿.....e tedes a Boby?”, é unha das máis repetidas polos rapaces participantes nos talleres que se desenvolven no marco desta campaña impulsada pola Deputación de Pontevedra e que busca concienciar aos máis pequenos sobre todo o que implica ter unha mascota na casa, as necesidades de coidalo, de saber tratalo e, tamén, de identificalo. Así, se un día Boby desaparece, será máis doado atopalo.
Máis de 2.000 participantes
No mes de marzo foron xa máis de 500 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos os que participaron nestas actividades, que xa se desenvolveron nos colexios Álvarez Limeses e San Benito de Lérez de Pontevedra, e no Varela Buxán de Lalín.
A eles seguirán outros centros, entre os que se atopa o Xunqueira II, tamén de Pontevedra, onde se desenvolverán diferentes obradoiros do 1 ao 15 de maio; ou o CEIP de Armenteira, en Meis.
En total, e tendo en conta que son xa diversos colexios da provincia os que solicitaron participar nestas actividades, a Deputación agarda poder chegar con estas actividades a máis de 2.000 cativos e cativas antes de que remate o curso escolar.
Emotividade e formación
Os monitores das actividades describen a experiencia dun xeito moi satisfactorio, dada a aceptación e a asimilación de conceptos por parte dos escolares participantes.  Son moitas as anécdotas que viven durante a impartición de unidades didácticas, que se realiza de forma lúdica e implicando aos máis pequenos en diferentes actividades, como pode ser a lectura dun chip ou aprendendo a implantarllo ao seu boneco.
Os veterinarios do CAAN e os integrantes de Peludos sen Fogar e Adopciones Galicia que participan nesta campaña destacan a sensibilidade e a capacidade de compresión dos rapaces.
Estas actividades conforman a segunda parte dunha campaña máis ampla, coa que tamén se trata de fomentar as adopcións e sensibilizar ao conxunto da poboación. Con este obxectivo, xa se editaron diversos dípticos, carteis e folletos informativos que se distribuíron en todos os concellos da provincia para chamar a atención sobre o abandono animal, animar ás persoas a optar pola adopción cando queren adquirir un animal e a identificar ás súas mascotas co correspondente chip, tal e como esixe a lei.
Nesta liña, calquera persoa interesada en adoptar en CAAN poderá visitar o centro, consultar a páxina web (www.caan.depo.es) ou chamar por teléfono ao 608 975 326, onde será puntualmente informada.
A adopción non supón ningún custe para o interesado, premiando así a decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN son entregados aos seus novos propietarios completamente desparasitados, vacinados e identificados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario