Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 29 de marzo de 2014

O MUSEO COMEMORA O 130 ANIVERSARIO DA CHEGADA DO TREN A PONTEVEDRA CUNHA ESPECTACULAR MOSTRA DA HISTORIA DO TREN DE XOGUETE ESPAÑOL



Exhibiranse por primeira vez unha gran variedade de pezas relacionadas co xoguete ferroviario, procedentes da colección Quiroga-Monte

·        A exposición ofrece unha completa visión da fabricación do tren de xoguete e os seus accesorios en España desde 1884 ata a década dos 80
·        Inaugurarase o 11 de abril no segundo andar do Edificio Sarmiento e permanecerá aberta ata o 18 de maio
O Museo de Pontevedra conmemora o 130 aniversario da chegada do tren á cidade de Pontevedra (o 16 de maio de 1884) cunha espectacular mostra de trens de xoguete e diferentes accesorios relacionados co mundo ferroviario desde finais do século XIX ata a década dos 80.
A exposición, que se inaugurará o 11 de abril e que permanecerá aberta ao público ata o 18 de maio, traerá por primeira vez a Pontevedra pezas mestras do xoguete ferroviario español, procedentes dunhas das máis prestixiosas e completas coleccións de xoguetes de España, como é a Quiroga-Monte.
Agárdase que a mostra, titulada Historia do tren de xoguete español e que estará aberta ao público no segundo andar do edificio Sarmiento, bata récords de visitantes, tanto polo atractivo do tema, que esperta a curiosidade tanto de nenos como de maiores, como pola relevancia da Colección Quiroga-Monte que, segundo os expertos, fai que cada unha das mostras que realiza sexan en si mesmas as máis relevantes e completas exhibicións de xoguete antigo que se poden contemplar en España.
PEZAS MESTRAS
A visita á mostra permitirá descubrir a través dos xoguetes, os diferentes materiais empregados nas manufacturas, desde a folla de lata ata o plástico; así como os procedementos técnicos utilizados pola industria xogueteira, e a gran cantidade de modelos e deseños existentes ao longo do tempo.
Así, reuniranse no Museo de Pontevedra pezas mestras da evolución do tren de xoguete e diferentes accesorios, como gardaagullas, indicadores de dirección, despachos de billetes, estacións e múltiples modelos de ferrocarrías.
Completarase a mostra con paneis ilustrados con fotografías e reproducións da prensa de 1884 que permitirán ao visitante achegarse de unha forma divertida e entretida á chegada do primeiro tren a Pontevedra que foi, concretamente, unha viaxe de proba entre Redondela e a cidade do Lérez, o 16 de maio de 1884. Sería este o paso previo á viaxe de inauguración, o 30 de xuño do mesmo ano.
Precisamente, a peza máis antiga da exposición data de 1884 e xunto a ela poderán contemplarse unha gran variedade de elementos, desde os primeiros trens de impulso manual ata os trens eléctricos, xunto con trens de madeira, os trens con resorte de corda e unha amplísima gama, desde os máis modestos ata os máis elaborados e custosos.
Colección Quiroga-Monte
A colección da que proceden as pezas que se exhibirán no Museo de Pontevedra está composta a día de hoxe por máis de 1.500 xoguetes que abarcan un abano temporal de 125 anos (desde 1860 a 1985). Trátase dunha das mellores e máis completas coleccións privadas españolas de xoguetes e elementos do mundo infantil, na que se inclúen trens e accesorios, pero tamén coches, bonecas, soldadiños, proxectores, xogos de mesa, álbums, contos recortables, teatriños…
Son innumerables os concellos, comunidades autónomas e entidades públicas e privadas que acolleron diferentes mostras tanto monográficas como xenéricas de pezas desta colección e sempre cun extraordinario éxito de público.
Así,  a mostra organizada na Praza de Colón en Madrid e inaugurada polo daquela alcalde Alberto Ruiz Gallardón, recibiu máis de 100.000 visitas en 10 días, e foron máis de 70.000 os que a visitaron no edificio Botines de León.

No hay comentarios:

Publicar un comentario