Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 29 de abril de 2014

En Barro, 10. A DEPUTACIÓN FINANCIA CON 305.000 EUROS A CONTRATACIÓN DE 73 OPERARIOS PARA OS CONCELLOS DA COMARCA DE PONTEVEDRA



Os traballadores formalizaron os seus contratos neste mes de abril e prestarán servizo durante seis meses

·       A iniciativa vai orientada a desempregados maiores de 30 anos
Un total de 73 traballadores incorpóranse nestes días aos 7 concellos da comarca de Pontevedra con menos de 50.000 habitantes, ao abeiro do Plan de Emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que permitirá a contratación duns 800 traballadores desempregados en toda a provincia, cun investimento global que supera os 3 millóns de euros.
No caso dos concellos da comarca de Pontevedra, a Administración Provincial acordou a concesión de subvencións por un importe total de 305.277 euros destinados a estes municipios.
Deles, 62.728,20 corresponden ao concello de Poio, que disporá no marco deste plan de emprego de 15 operarios municipais, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia de hoxe.
Pola súa banda, os concellos de Barro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Vilaboa disporán de 10 traballadores cada un, cunha achega da Deputación de 41.818,80 euros.
Pola súa banda, o concello de Campo Lameiro, que  na última actualización censal baixou dos 2.000 habitantes, recibirá da Deputación 33.455,04 euros para a contratación de 8 operarios.
Desempregados sen prestación
Os novos traballadores –que terán a categoría de peón, operario ou axudante– irán destinados a realizar labores prioritarias nos concellos entre os que se inclúen labores de recuperación e adecuación de viais, parques, xardíns e outros espazos públicos, así como de edificios e de servizos; ou execución de pequenas obras de reparación.
Con este Plan de Emprego, a Deputación Provincial responde, un ano máis, a dúas necesidades básicas na provincia: por unha banda, dar unha oportunidade laboral e facilitarlle o acceso a un salario aos desempregados que estean nunha situación máis difícil, polo que á hora de contratar os concellos terán que dar prioridade a aquelas persoas maiores de 30 anos que carezan de prestacións ou unicamente perciban axudas sociais, como a RISGA; e, por outra banda, dotar os concellos de persoal que lle permita desenvolver labores básicas no municipio para as que, a miúdo, carecen dos medios necesarios.
Os contratos serán a tempo parcial, cunha duración de 25 horas semanais, e por un período de 6 meses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario