Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 5 de junio de 2014

Barro recibe 33.455,04 € da Deputación de Pontevedra para contratar 8 persoas para o mantemento de bens e servizos municipais.



O prazo de solicitude remataba onte e os concellos xa demandaron o persoal que precisan
A DEPUTACIÓN APROBA AS SUBVENCIÓNS SOLICITADAS POLOS CONCELLOS PARA A CONTRATACIÓN DE DESEMPREGADOS
·        Os concellos da comarca de Pontevedra recibirán 330.000 euros para a contratación de 71 traballadores
·        61 desempregados poderán traballar en concellos da comarca de Caldas, que recibirá 221.639 euros
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na súa xuntanza de onte, a concesión de subvencións aos concellos para que poidan contratar persoal para o mantemento de bens e servizos municipais.
Os concellos, que tiñan ata onte para presentar a proposta de número e perfil dos operarios que precisan, presentaron xa as súas solicitudes co que foi posible aprobar xa a concesión das subvencións, que lles permitirá axilizar ao máximo a selección e contratación dos traballadores, que comezarán a traballar o vindeiro un de xullo.
A Deputación destina un total de 3,2 millóns de euros a esta finalidade, co obxectivo de permitir a contratación dunhas 800 persoas que nestes momentos carecen de prestación e que se atopan en situacións especialmente difíciles.
De feito, os concellos, que realizarán as contratacións a través do Servizo Público de Emprego, terán que dar preferencia aos aspirantes que carezan de ingresos, teñan as rendas máis baixas e teñan cargas familiares.
Esta iniciativa da Deputación ten dous obxectivos fundamentais: garantirlle aos concellos recursos humanos para atender necesidades básicas como mantemento de infraestruturas, limpeza viaria ou de espazos públicos, e realización de pequenas obras, entre outras tarefas que os concellos consideren necesarias; e, por outra banda,  contribuír a paliar o principal problema da provincia, que é o desemprego, empezando por darlle unha oportunidade aos que máis o precisan.
O plan da Deputación beneficiará a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que contarán con entre 6 e 20 operarios en función da poboación.
Comarca de Pontevedra
Na comarca de Pontevedra serán 71 as persoas contratadas no marco desta iniciativa da Deputación de Pontevedra e na de Caldas poderán traballar outros 61 desempregados, cun investimento total que supera os 550.000 euros
Así, os concellos de A Lama, Barro e Cotobade, poderán contratar a 8 persoas cada un, cunha achega de 33.455,04 euros por concello, mentres que Campo Lameiro (con menos de 2.000 habitantes) recibirá 25.091,28 euros para contratar a 6 persoas.
Pola súa banda, os concellos de Vilaboa e Ponte Caldelas poderán contratar a 12 operarios e percibirán 50.182,56 euros cada un para poder facelo.
Finalmente, o concello de Poio recibirá unha achega de 71.091,96 euros para a contratación de 17 operarios.
Comarca de Caldas
No caso da comarca de Caldas, é a capital comarcal a que máis operarios contratará, cun total de 17.
A Deputación destinará 71.091,96 euros a este concello para sufragar os custes salariais dos traballadores, que contarán cun contrato de seis meses con 25 horas semanais de traballo.
Catoira, Cuntis, Portas e Moraña contarán con 8 operarios cada un, a razón de 33.455,04 euros por concello.
Finalmente, Valga, con 12 operarios, percibirá 50.182,56 euros.
En canto ao perfil dos traballadores solicitado é, maioritariamente, o de operario de servizos múltiples para conservación de parques e xardíns, tarefas de limpeza e varrido de espazos públicos, traballos forestais, mantemento de edificios públicos e pequenas obras de reparación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario