Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 5 de agosto de 2014

LOUZÁN ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ 1 MILLÓN DE EUROS NA POTENCIACIÓN DO CAMIÑO PORTUGUÉS NESTE ANO



Onte amañá quedou formalmente constituída a primeira Mesa de Traballo creada en Galicia para poñer en valor a ruta xacobea

·       Nas próximas semanas contrataranse a 100 traballadores para realizar tarefas de limpeza e acondicionamento do camiño nos 12 concellos polos que pasa
·       A Administración Provincial contratou tamén unha consultora para a eliminación de puntos negros nos cruces do Camiño con estradas nacionais, provinciais e autonómicas e para a mellora da sinalización
·       En setembro abrirase un proceso de consultas cos concellos para a delimitación definitiva do trazado do camiño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou onte a mañá un investimento de 1 millón de euros por parte da Administración Provincial na potenciación do Camiño Portugués ao seu paso pola provincia.
Louzán fixo estas declaracións ao remate da xuntanza da Mesa de Traballo que onte quedou formalmente constituída e que está integrada polos 12 concellos polos que pasa esta ruta, xunto coa secretaria xeral de Turismo, a directora xeral de Patrimonio, o xerente do Xacobeo e o presidente da Fundación do Camiño Portugués a Santiago, ademais do propio presidente da Deputación.
Trátase da primeira mesa creada en Galicia para promover e poñer en valor o Camiño Portugués, co obxectivo de converter esta ruta nun “referente de accesibilidade, referente en sinalización e referente nun trato exquisito de información aos peregrinos”, tal e como salientou o presidente da Deputación.
Con este obxectivo, a Deputación ten xa contratados a 50 traballadores e ampliará nos próximos días esta cifra ata os 100, para a realización de traballos de limpeza e acondicionamento da ruta ao seu paso polos 12 concellos da provincia de Pontevedra afectados.
Paralelamente, unha consultora traballa na eliminación de puntos negros no cruce do camiño coas estradas nacionais, autonómica e provincias, así como en tarefas de sinalización e consolidación do camiño.
Louzán considerou que se trata “dunha actuación fundamental” porque “se trata dun recurso turístico de primeira magnitude” cun gran potencial de crecemento e desenvolvemento.
Neste sentido, a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, lembrou que a elevada demanda turística e de servizos que xera tanto o Camiño Portugués como as demais rutas xacobeas non está aínda completamente cuberta, como o demostra o feito de que “os albergues públicos só cobren o 10% da demanda dos camiñantes”, o que supón “que ten aínda unha enorme capacidade de desenvolvemento económico” que reclama a implicación de toda a sociedade na súa posta en valor.
Castro lembrou que os Camiños de Santiago “son o primeiro elemento vertebrador do turismo en Galicia” e exercen un gran poder de atracción no turismo internacional. Así, indicou que o 60% dos peregrinos que fan as distintas variantes do camiño son de fóra de España “polo que é preciso que esteamos preparados todos, tanto o sector público como a hostalería, a restauración e os servizos para mellorar o camiño”.
Delimitación histórica do trazado
Precisamente con este obxectivo, a dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia ten xa avanzados os pasos previos para a delimitación oficial do trazado do Camiño Portugués.
Así, a responsable deste departamento, María del Carmen Martínez Ínsua, anunciou que a partir do mes de setembro comezarán xa as conversas cos concellos polos que pasa esta senda para ir pechando esta delimitación, para a que xa están realizados os estudos históricos necesarios.
Este é precisamente un dos aspectos nos que se traballa tamén na Mesa impulsada pola Deputación.
Martínez Ínsua e Louzán incidiron en que esta delimitación contribuirá a unha mellor conservación e fará máis doada a potenciación do camiño, dando “seguridade xurídica tanto en canto ao trazado como ao territorio afectado” e facilitando a coordinación das actuacións que nel se realicen.
Louzán pediu a implicación dos concellos e “superar posibles susceptibilidades” para sacar adiante a delimitación definitiva que “fará moito máis fácil manter o camiño en perfecto estado, como o queren ver e ter todos os camiñantes que van a Santiago” e que no que vai de ano se incrementaron non 16%.
Finalmente, o presidente da Deputación valorou a dispoñibilidade de concellos, Xunta e entidades como a Fundación do Camiño Portugués para traballar coordinadamente, a través da mesa impulsada pola Administración Provincial, a traballar coordinadamente e facer así posible reforzar un dos principais motores turísticos de Galicia e as Rías Baixas.
Concellos representados na mesa:
TUI; O PORRIÑO; MOS; REDONDELA; SOUTOMAIOR; VILABOA; PONTEVEDRA; BARRO; PORTAS; CALDAS DE REIS; VALGA E PONTECESURES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario