Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 21 de agosto de 2014

MÁIS DE 200 EMPRESAS DA PROVINCIA OPTARÁN EN NOVEMBRO AO CERTIFICADO DE COMPROMISO DE CALIDADE TURÍSTICA, CO APOIO DE TURISMO RÍAS BAIXAS



Nos dous últimos meses foron preto de 50 as empresas que se incorporaron á plataforma SICTED

·       O pasado luns, 18 de agosto, 111 empresas iniciaron un programa de formación para a mellora dos seus estándares de calidade
·       Os cursos impartiranse en Pontevedra, Vigo e Lalín
Un total de 210 empresas da provincia de Pontevedra aspiran a facerse co certificado de Compromiso de Calidade Turística no vindeiro mes de novembro, despois de que a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, conseguise a adhesión de preto de 50 novas entidades deste sector ao Sistema de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
A aposta que desde a Deputación de Pontevedra se está a facer para consolidar as Rías Baixas como un destino turístico de máxima calidade está a ter unha excelente acollida no sector, como o demostra o feito de que en só dous meses fosen 47 as empresas que se adheriron ao SICTED, co obxectivo de obter o certificado que os distingue como establecementos de calidade recoñecida, e outras 20 que optarán a esta certificación en maio de 2015.
Desde que Turismo Rías Baixas iniciou este labor, son 152 as empresas que obtiveron a antedita certificación e que optarán a renovala no vindeiro mes de novembro. A elas sumaranse as 47 adheridas nestes dous meses ao SICTED e outras 11 empresas que xa estaban integradas neste sistema pero que non puideran obter a certificación na pasada edición.
Das 58 empresas que optarán por primeira vez a obter a certificación antedita en novembro, o grupo máis numeroso é o de taxis, con 9 novas incorporacións; seguido de 6 restaurantes; e de axencias de viaxes, bares e cafeterías, empresas de turismo activo e hoteis, con 5 cada un. A eles súmanse 4 comercios, 3 aloxamentos rurais e outros tantos museos, 2 adegas, un albergue, un espazo natural protexido, 1 empresa de turismo industrial e 4 entidades de outros servizos.
Para que poidan conseguilo todas elas, a Deputación estalles a ofrecer formación, asesoramento, acompañamento e orientación, facilitándolle o cumprimento de todos os requisitos esixidos.
Cursos en Lalín, Pontevedra e Vigo
Un deses requisitos é a cualificación por medio de diferentes actividades formativas que a Deputación porá en marcha desde o vindeiro 18 de agosto, luns, en Vigo, Lalín e Pontevedra.
Nestes primeiros cursos, persoal de 111 empresas da provincia poderán formarse en áreas como responsabilidade ambiental en turismo, benchmarking, xestión de negocio, diferentes modelos de xestión de calidade, manuais de boas prácticas, estratexias de servizo, lexislación aplicable no sector, xestión de queixas e suxestións, marketing turístico, as TIC aplicadas ao propio negocio, planificación da mellora de calidade, e, por suposto,  o propio Sicted (ferramentas, métodos, métodos de enquisa…).
O obxectivo é fortalecer un sector estratéxico na provincia e conseguir que se consolide como referente a nivel nacional e internacional.
Neste sentido, a Deputación de Pontevedra busca que as Rías Baixas se promocionen como un destino integral, no que costa e interior se complementan e fan posible ofertar ao visitante unha ampla gama de posibilidades de disfrutar do seu tempo de lecer e descanso, adaptándose aos gustos de cada un.
Así, estase traballando intensamente non só nas comarcas costeiras, senón tamén con municipios, grupos de desenvolvemento rural, asociacións e empresas turísticas de comarcas como Deza, O Condado ou A Paradanta para potenciar esa integración que pode contribuír tamén a un maior equilibrio territorial.
As empresas que se integran no Sicted non só poderán beneficiarse destes Plans de formación, senón que tamén contarán con asistencia técnica individualizada e poderán traballar conxuntamente con outros membros do sector en grupos de traballo dos que poidan xurdir propostas de mellora para o destino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario