Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 1 de agosto de 2014

XUVENTUDE DESTINA 90.000 EUROS AO PROGRAMA DE SERVIZO DE VOLUNTARIADO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA. BENEFÍCIASE BARRO.




§         Case 42.000 euros destinaranse a concellos e organizacións de acción voluntaria dependentes da delegación territorial da Xunta en Pontevedra.
§         Este voluntariado recollerá diversas actividades para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, investirá este ano preto de 90.000 euros ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado xuvenil por parte das entidades de acción voluntaria e dos concellos da provincia de Pontevedra.

Deste investimento en toda a provincia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris, destacou os 27.310 euros destinados aos concellos de Arbo, Barro, Cuntis, O Grove, Ponteareas, Pontecesures, Tomiño, Valga e Vila de Cruces. Así mesmo, 14.388,62 euros foron tamén asignados a organizacións de acción voluntaria de Cambados, Lalín, Pontevedra Valga e Vila de Cruces, sumando deste xeito un total de 42.698,62 euros investidos nos concellos pontevedreses dependentes desta Delegación.

“Grazas a este programa poderanse beneficiar un total de 182 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos”, explicou Cores Tourís, que engadiu que “os proxectos teñen unha duración de entre 15 e 60 días e a maior parte teñen que ver con colectivos en situación de risco de exclusión e relacionados con actividades medio ambientais, aínda que tamén abranguen distintas actividades vinculadas ao Camiño de Santiago, á recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas e a igualdade de xénero”.

O delegado territorial tamén comentou que “a participación xuvenil en actividades de voluntariado axuda aos mozos e mozas a adquirir valores moi positivos, coma o traballo en equipo, a comunicación, a responsabilidade e a autoconfianza”. “En total, os participantes farán 54.702 horas de voluntariado ben nos 9 concellos beneficiados ben a través das 5 entidades de acción voluntaria dependentes da delegación territorial de Pontevedra”, matizou Cores Tourís.

Este é o primeiro programa en todo o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Ademais, tamén resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Ao programa de Voluntariado Xuvenil, o departamento autonómico destina en 2014 un total de 440.000 euros para toda Galicia, un 17 por cento máis que o ano pasado, o que permite que en toda Galicia se incorporen como voluntarios 736 mozos e mozas a proxectos solidarios de 54 concellos e 68 entidades.

José Manuel Cores Tourís rematou animando á mocidade a participar en proxectos deste tipo, xa que “hoxe en día resulta necesario e enriquecedor complementar as ensinanzas académicas coas experiencias e competencias adquiridas mediante programas de educación non formal de participación xuvenil”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario