Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 3 de octubre de 2014

18 AGRUPACIÓNS PARTICIPARÁN NA XIII EDICIÓN DO CERTAME PROVINCIAL DE BANDAS DE MÚSICA, QUE SE DESENVOLVERÁ EN TUI, LALÍN E VILAGARCÍA



A deputada Ana Isabel Vázquez presentou hoxe en rolda de prensa o evento, que dará comezo este sábado

·        A Deputación porá en marcha unha exposición itinerante sobre as bandas de música de toda a provincia
·        Como novidade nesta ocasión, as seccións de competición establécense en base á dificultade da obra libre interpretada e non polo número de integrantes da banda
·        Co obxectivo de promover a composición musical, cada banda terá que interpretar unha peza dun compositor galego
Un  total de 18 agrupacións musicais participarán este ano na XIII Edición do Certame de Bandas de Música Deputación de Pontevedra, que se celebrará en Tui, Lalín e Vilagarcía de Arousa.
Así o anunciou esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez nunha rolda de prensa na que recordou o “apoio decidido” da institución provincial “á música e á cultura “ e, neste marco, ás bandas de música, que xogan un papel esencial na dinamización social e cultural da provincia.
Exposición-homenaxe ás bandas
Por iso, subliñou que, ademais do tradicional certame que dará comezo este sábado en Tui, a Deputación tamén está a traballar na organización dunha mostra itinerante que levará por aos concellos da provincia a historia e labor das diferentes bandas de música da provincia.
Unha mostra-homenaxe coa que se quere contribuír ao recoñecemento e posta en valor dunhas agrupacións musicais que son un verdadeiro signo de identidade de Pontevedra, onde na actualidade hai unhas 70 agrupacións nas que participan milleiros de persoas, sendo a segunda provincia con máis bandas de música de España (só superada por Valencia).
Unhas bandas, quixo destacar Ana Isabel Vázquez, que se atopan entere “as de maior calidade do mundo” como o demostra os galardóns internacionais que están a conseguir.
Promoción e impulso
No que respecta ao Certame de Bandas, a deputada destacou que persegue tres obxectivos fundamentais: apoiar economicamente ás bandas de música; conseguir que se aprecie e se valoren tanto pola súa calidade como polo seu labor no ámbito social e cultural; e promover e incentivar a composición musical en Galicia, para o cal as bandas participantes en cada unha das seccións terán que interpretar, de forma obrigatoria, unha peza dun compositor galego.
O certame dispútase en tres niveis de competición que, como novidade para este ano, se establecen en función da dificultade da obra libre que interpretarán e non segundo o maior ou menor número de músicos de cada agrupación, como viña sendo ata o de agora. Así mesmo, e para achegar a toda a provincia o certame, cada unha das seccións disputarase nunha localidade diferentes.
Deste xeito, Tui acollerá o sábado no Auditorio Municipal a competición das bandas da Sección Terceira (as de menor dificultade da peza libre); Lalín será a sede do concurso da Sección Segunda (o día 11 de outubro) e Vilagarcía pechará o certame coa competición da Sección Primeira, o 18 de outubro.
Nos dous primeiros casos, o certame dará comezo ás 16,00 horas, mentres que en Vilagarcía será ás          16,30 horas.
En todos os casos, cada unha das bandas interpretará unha obra de libre elección, outra obrigada e un pasodobre fóra de concurso.
No que respecta á obra obrigada, de compositores galegos, serán as seguintes:
·       Sección Terceira: Obra “Sangral”, de Israel Quintas, músico mozo e membro da Banda de Música de Pontevedra
·       Sección Segunda: Obra “Theseus”, de Andrés Álvarez, compositor de numerosas obras para banda que foron obras obrigadas e libres en diferentes concursos, premiadas e interpretadas en países como Francia, Bélxica, Holanda, Italia, Xapón ou Colombia.
·       Sección Primeira: Obra “2013 In memoriam”, de David Cuevas, profesor de composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo e autor de diferentes obras gañadoras en concursos como é o caso desta que se interpretará no certame e que acadou o 1º Premio no Concurso Internacional “Romualdo Marengo” (Italia) hai tan só uns meses.
Elevar o nivel compositor e interpretativo
Os tres compositores participaron hoxe na rolda de prensa, onde valoraron o apoio que a Deputación sempre ofreceu ás bandas de música e que situaron na base do éxito que actualmente están a obter a nivel mundial e que as sitúa á cabeza en calidade, a nivel mundial.
Así, subliñaron que iniciativas como o Certame de Bandas permiten non só dar a coñecer a música de banda e as obras dos compositores galegos, senón que teñen unha influencia directa na “elevación do nivel compositor e interpretativo” dos músicos e bandas da provincia e de Galicia.
Premios
Todas as bandas, polo simple feito de participar, recibirán unha achega económica, que será de 2.500 euros para as bandas da sección terceira, 3.000 para as da segunda e 3.500 para as da sección primeira.
Ademais, recibirán premio as tres primeiras bandas clasificadas en cada sección. Os galardóns son os seguintes:
                          premio                         2º premio                   3º premio (achegado por Musical Pontevedra)
Sección primeira:                4.200 €                     2.000 €             1.500 € (cheque compra instrumentos)
Sección segunda:                3.500 €                     1.800 €             1.250 € (cheque compra instrumentos)
Sección terceira:                3.000 €                       1.500 €                1.000 € (cheque compra instrumentos)
A concesión dos galardóns decidiraa un xurado composto por tres membros en cada unha das seccións e composto por personalidades de recoñecido prestixio internacional como Bart Picqueur, compositor belga; Lino Blanchod, director italiano; Francisco Ferreira, director da  Banda sinfónica portuguesa; Rafael Montes, director de orquestra venezolano; Felipe Neri Gil Marrero, director da Banda Sinfónica de Tenerife e Óscar Navarro, compositor de música para banda e de bandas sonoras de películas e nominado recentemente aos Premios Goya.
8 agrupacións  compiten en  Tui
Na primeira das fases do concurso, que terá lugar este sábado en Tui, competirán 8 agrupacións de diferentes localidades e exercerán como xurado Membros do xurado Francisco Ferreira; Rafael Montes e Óscar Navarro.
A Unión Musical de Coruxo abrirá as actuacións, baixo a dirección de Francisco Abal Rosales e interpretando como peza libre The Saint and the City, de Jacob de Haan. Seguiranlle a Unión Musical de Cabral (Director: Eduardo González López-Obra libre: O bosque animado, de Andrés Álvarez); a Banda de Música Popular de Rubiós( Director: Rafael Pérez Dopeso - Obra libre: Retrincos, de David Fiuza); a Agrupación Musical de Belesar (Director: Javier Domínguez Millán- Obra libre: Broken Sword, de Kevin Houben); a Banda de Música de Sanxenxo (Director: Pedro González Villarroel- Obra libre: Trips, de Óscar Navarro); a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Director: Juan Carlos Díaz Álvarez; Obra libre: Terra de reis, de Pere Sanz Alcover); a Nova Lira de Moraña (Director: Luis Manuel Montáns Fariña - Obra libre: Suite galaica, de Antón Alcalde) e a Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia (Director: Jonathan Vázquez Carrera-Obra libre: Festa na tolda, de Gustavo Freire).
A xornada pecharase coa actuación (fóra de concurso) do grupo de percusión Perkuka, como grupo invitado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario