Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 9 de octubre de 2014

AREEIRO LIDERA A LOITA CONTRA A AVESPIÑA DO CASTIÑEIRO EN GALICIA



A Estación Fitopatolóxica obtivo as autorizacións para testar o tratamento en laboratorio, paso previo á súa aplicación nas parcelas
·       Importará de Italia o único insecto capaz de frear esta praga, que pode provocar perdas cuantiosas na produción de castaña
·       A área do Deza e as zonas limítrofes con Ourense son as zonas da provincia de Pontevedra con maior concentración de castaños
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, convértese novamente no centro de referencia para a loita contra unha praga forestal que está a afectar a Galicia. Trátase, neste caso, da avespiña do castiñeiro (dryocosmus kuriphilus), detectada por primeira vez nesta Comunidade Autónoma a comezos do pasado verán.
Na actualidade, a avespiña do castiñeiro tense detectado xa nas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña. En Pontevedra non se comunicaron aínda casos deste mal, pero non se descarta que poida actuar nesta provincia, onde a presenza de castaños está dispersa por todos os concellos, sendo as zonas de maior concentración as terras do Deza e as áreas limítrofes coa provincia de Ourense.
Desde o momento da súa detección, os técnicos de Areeiro, en colaboración coa Xunta de Galicia, comezaron a traballar na análise e seguimento da praga pero tamén, e sobre todo, nos métodos que permitan freala, que pasan pola introdución do Torymus Sinenses, un insecto himenóptero capaz de controlar á avespiña do castiñeiro, tal e como se comprobou noutros puntos de Europa onde este mal leva xa varios anos actuando.
Con este obxectivo, Areeiro acaba de obter os permisos necesarios para importar de Italia o antedito parasito e comezar os ensaios en laboratorio, paso previo á súa aplicación nas parcelas afectadas.
Comportamento en Galicia
Malia que a experiencia en países como Italia demostra a eficacia deste método de loita biolóxica, o que pretende agora Areeiro é comprobar o seu comportamento en Galicia. Trátase de coñecer o ciclo biolóxico que o Torymus sinensis ten en Galicia, determinar cal é o mellor momento para aplicalo nos castiñeiros afectados e se se poden dar problemas na interacción deste himenóptero con outros insectos autóctonos.
Unha vez finalizados os estudos en laboratorio, faranse as correspondentes probas de campo coa finalidade de poder dispor canto antes dun tratamento contra esta praga, para a que non existe nestes momentos ningún outro método de loita.
Efectos da praga
A avespiña do castiñeiro é un insecto orixinario de China que chegou a Europa en 2002, concretamente a Italia. Desde ese momento foise propagando a outros puntos do continente, entrando en España por Cataluña en 2012.
Non foi ata este ano cando se detectou en Galicia, onde a praga pode ter efectos moi perniciosos, máxime se se ten en conta que esta comunidade é a principal produtora de castaña de España.
O síntoma máis característico do ataque do dryocosmus kuriphilus é a detección de “agallas” (protuberancias) de cor verde ou rosáceo nas ramas novas ou nos peciolos e no nervio central das follas que impiden que a árbore realice correctamente a fotosíntese e, en consecuencia, merma a produción de flores e froitos, podendo, incluso, chegar a producir a morte da árbore se está é aínda nova.
Consellos
Mentres non rematan os estudos que permitirán atacar a nova praga por medio da loita biolóxica, os técnicos de Areeiro lembran que, no caso de detectar a presenza da avespiña do castiñeiro en árbores pequenas, pódese tratar de controlar a infestación procedendo á poda e destrución das ramas afectadas.
No entanto, este método só é útil en moi pequenas extensións e en plantas novas.
Cancro do castiñeiro
Esta nova liña de actuación, súmase aos traballos que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén realizando desde fai varios anos para loitar contra o cancro do castiñeiro (Chyphonectria parasitica), un fungo que invade partes da árbore, impedindo a circulación da savia e, en consecuencia, secando as ramas e producindo necroses.
Para deter esta enfermidade, utilízanse cepas do mesmo fungo non agresivas (hipovirulentas) que, ao unilas ás cepas virulentas, neutralízanas e convértenas en non agresivas, permitindo a recuperación dos castaños e freando a expansión da enfermidade. En 2013, Areeiro produciu 20.000 cepas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario