Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 2 de octubre de 2014

O Alcalde de Barro recibe hoxe o Premio Provincial á protección do patrimonio público pola recuperación de Barosa


No acto de entrega, que terá lugar no Salón de Plenos ás 20,00 horas, participará o presidente da Deputación e o conselleiro de Cultura

21 CREADORES E INVESTIGADORES RECOLLEN ESTA TARDE OS PREMIOS PROVINCIAIS DE INVESTIGACIÓN, Á CULTURA E NOVOS VALORES
·       Entre os autores figuran veciños de Vigo, Pontevedra, Moaña, Cangas, Silleda, Barro, Meaño, Tui, Portas, Salvaterra de Miño e Vilagarcía
Un total de 21 creadores e investigadores recollen esta tarde os Premios Provincias á Cultura,  Premios Provinciais de Investigación e os galardóns do certame Novos Valores de Artes Plásticas. Farano nun acto no que participarán o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez e ao que asistirán, e entre outras autoridades, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello; o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, así como deputados provinciais e autonómicos; alcaldes; e representantes do mundo académico e da cultura.

Estes galardóns, instituídos pola Deputación de Pontevedra, pretenden premiar a creatividade e a investigación na provincia, como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e o desenvolvemento científico. 

No caso dos Premios Provinciais á Cultura 2013, o xurado recoñeceu o percorrido profesional da escultora e ceramista silledense Elena Colmeiro González, a quen a institución provincial concede o premio á traxectoria cultural por toda unha vida dedicada ao mundo da arte, que a levou a ser recoñecida desde os seus inicios como unha da mellores ceramistas de España. As súas obras teñen presenza en numerosos museos e coleccións públicas e privadas de España, Europa e América. 

Como mellor proxecto innovador ou vangardista, os Premios Provinciais á Cultura recoñecen o labor da Asociación Cultural pola Creación Artística Enfoques, concretamente polo seu Festival Play-Doc, que cunha década de vida é xa un referente no mundo do documental cinamatográfico. Trátase dun proxecto independente que achega ao público un cine esencial, ao tempo que crea un espazo para o diálogo e o intercambio de ideas. 

Pola súa banda, o Concello de Barro recibe o premio á protección do patrimonio público polo seu labor de recuperación e posta en valor do espazo natural do parque da natureza Río Barosa, conseguindo a reparación dos muíños de auga e o patrimonio etnográfico e artesanal.

Finalmente, o premio Diosiño, dotado igual que os anteriores con 6.000 euros, recaerá ex aequo na Asociación Cultural Unión Musical de Meaño, polo labor musical que leva a cabo desde o ano 1830, o que a converte nunha das máis antiga de Galicia; e a Banda de Música La Unión de Lantaño polo seu labor de integración, difusión e desenvolvemento da música que leva a cabo no Concello de Portas dende o ano 1870.

Impulso á investigación
No caso dos premios á Investigación 2013, orientados a promover a xeración de coñecemento científico na provincia, os galardoados son científicos e investigadores de Vigo, Pontevedra, Cangas, Moaña, Salvaterra de Miño, Vilagarcía de Arousa e Santiago.
Así, Pedro Arias Sánchez, da Escola de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, recibirá o Premio en Ciencias e Tecnoloxía polo seu traballo sobre O potencial das xeotecnoloxías como ferramentas de dixitalización masiva dirixidas ao inventario e inspección de Infraestruturas.
Pola súa banda, o premio a novos investigadores en Ciencias Sociais e Humanidades repartirano ex aequoa canguesa Sonia Otero Pereira, polo seu traballo La ilustración de los Sainetes de Ramón de la Cruz en el siglo XIX: la edición popular de J.M. Faquineto (1882); e Alberto Santos Cancelas, veciño de Moaña, polo estudo Cileni: Etnicidad y religión.
No apartado de premios a teses de doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía, recibirano ex aequo Patricia Sanmartín Sánchez, de Salvaterra de Miño, por unha tese sobre Cuantificación del color en el estudio de la formación de biofilms en rocas graníticas del Patrimonio histórico artístico; Antonio José Vázquez Álvarez (Ourense), pola tese Mejora del rendimiento de la red GENSO de seguimiento de satélites mediante la introducción de capacidad de Soft-Handover entre estaciones; e Nuria Sánchez Otero (Vigo), pola investigación que aborda a Detección y validación de marcadores de diagnóstico del derrame pleural maligno.
En canto ás teses en Humanidades e Ciencias Sociais, recibirán o galardón Óscar Briones Gamarra, de Vilagarcía de Arousa e Olalla López Costas (Santiago), polos traballos Factores determinantes en la construcción de la función de recursos humanos autonómica e Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: Estudio de la población romana y medieval gallega, respectivamente.
Creatividade e talento novel
Nesta ocasión, ao igual que xa se fixo o pasado ano, o acto servirá tamén para recoñecer o talento e a creatividade dos artistas noveles, coa entrega dos Premios Novos Valores de Artes Plásticas.
O primeiro premio recollerao Marcos Jesús Covela Mira, veciño de Vigo e que foi galardoado pola escultura denominada Reverso. Tamén de escultura é o segundo premio, concedido a Íñigo Almeida Estévez, de Moaña, polo traballo O Fió.
Tres pontevedreses, María González Sánchez; Elías Alberto Pintos Arís e Iría Cortizo Franco, recollerán dous cuartos premios as primeiras (polas esculturas Bomba e Simulación, respectivamente) e o terceiro Iría, pola escultura El almuerzo desnudo.
Tamén un cuarto premio, nesta ocasión pola pintura Chaos Study, corresponderalle a Arantza Pardo Barbeito, de A Coruña.
Pola súa banda, o veciño de O Barco de Valdeorras Rodrigo Domínguez Rodríguez recollerá un 3º premio por un debuxo titulado Estudo dun desfeito.
Finalmente, o vigués Ventura Alejandro Pérez Suárez recollerá o premio Silverio Rivas de Escultura, concedido polo traba A cidade neutra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario