Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 22 de noviembre de 2014

3.300 FAMILIAS RECIBIRON ASESORAMENTO SOBRE A FACTURA ELÉCTRICA NAS OFICINAS POSTAS EN MARCHA POLA DEPUTACIÓN E A UNIÓN DE CONSUMIDORES



Nas oficinas de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Lalín atendéronse preto de 2.000 persoas

·       Rafael Louzán destacou o éxito desta iniciativa, que está permitindo a milleiros de persoas conseguir aforros notables no recibo da electricidade
·       Na actualidade, e para dar resposta a elevada demanda, permanecen abertas ao público as oficinas de Pontevedra, Vigo, Lalín e Vilagarcía
·       Dolores Chapela, experta da Unión de Consumidores, subliñou que son numerosísimas as persoas que foron pasadas ao mercado libre sen autorización
Desde a posta en marcha das oficinas de asesoramento sobre aforro enerxético postas en marcha o pasado 2 de setembro pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), un total de 3.273 persoas recibiron información e asesoramento individualizado sobre fórmulas de aforro no seu recibo da luz.
Fórmulas que, segundo explicou esta mañá Dolores Chapela, técnica da UCGAL que presta asesoramento na oficina de Pontevedra, se centran na modalidade de contratación, o tipo de tarifa e a potencia contratada. Tendo en conta estes tres factores, o aforro pode chegar ata os 200 euros mensuais.
Trátase, en palabras do presidente da Deputación, Rafael Louzán, dunha información fundamental e de gran interese para familias e empresas, tal e como demostra o elevado número de solicitudes de asesoramento, que fai que xa estean practicamente ocupadas todas as citas para o mes de novembro nas 4 oficinas que se manteñen abertas ao público en Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Lalín.
Neste sentido, Louzán indicou que se está barallando a posibilidade de ampliar novamente este período de atención ao público, que inicialmente esta previsto que finalizase o 31 de outubro e que xa foi ampliado nas 4 oficinas citadas ata o 30 de novembro.

Principais consultas
Dolores Chapela destacou que todo o relativo ao mercado eléctrico “xera moita confusión e preocupacións aos cidadáns”, polo que o labor que se está desenvolvendo nestas oficinas resulta “moi satisfactorio” para os usuarios, que saen delas con información personalizada e adaptada ás características do seu fogar e do seu consumo enerxético.
Neste sentido, lembrou que “existe moitísima confusión sobre con quen se ten contratado a subministración eléctrica”, xa que nas propias oficinas “temos rexistrado moitísimos casos de persoas que os pasaron ao mercado libre sen consentimento, só facendo unha xestión de cambio de titular ou de tarifa”.
Esta situación non só fai que os fogares paguen máis que se estivesen no mercado regulado, senón que tamén lle pecha as portas a beneficios como a Tarifa de Último Recurso ou o tícket eléctrico.
De feito, tamén son numerosos os usuarios que, reunindo todos os requisitos necesarios para beneficiarse destas axudas públicas, non podían facelo por estar no mercado libre.
Todas estas persoas obtiveron información detallada sobre a posibilidade de retornar ao mercado regulado e se, en función do seu contrato, terían ou non penalizacións ou permanencias.
As tarifas de discriminación horaria foron outros dos principais temas de consulta, dado que supoñen unha vía de aforro que moitos usuarios descoñecen, así como a potencia contratada. Neste último punto, e tendo en conta o historial de consumo de cada usuario e as pautas de consumo no seu fogar, os técnicos da UCGAL ofreceron información sobre se a potencia contratada era a necesaria ou ben se tiña contratado un tramo máis alto de potencia, o que suporía un custe innecesario para o cidadán.
No último mes tamén foron moitas as consultas realizadas con motivo do novo modelo de factura que se comezou a emitir en outubro e en relación ao cambio de contadores analóxicos a dixitais.
Chapela referise tamén á “agresividade” de moitas compañías, que utilizan “tecnicas abusivas” para atraer ao mercado libre aos usuarios. Esta actitude (con ocultación de información, enganos, ofertas que despois se gravan con servizos non contratados e dos que non se informou aos usuarios….) foi outro dos motivos que levou a algúns usuarios ás oficinas da Deputación e UCGAL, en busca de aclaracións e respostas obxectivas.

Aforro en milleiros de fogares
Con estas recomendacións e asesoramento, son milleiros de persoas as que poden reducir os pagamentos que cada ano teñen que afrontar, polo que o presidente da Deputación animou a todos os interesados a dirixirse a estas oficinas, que atenden de luns a venres en horario de 10 a 14 horas.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario