Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 22 de noviembre de 2014

OS BOLECHAS PROTAGONIZAN A NOVA CAMPAÑA DA DEPUTACIÓN CONTRA O ABANDONO ANIMAL



A concienciación dos máis pequenos sobre os coidados dos cans e o fomento da identificación dos animais, serán os eixes da iniciativa

·       Distribuiranse 8.000 libros titulados Os Bolechas van ao CAAN
·       A web dos Bolechas inclúe, xogos online, pósters, miniguías e toda unha serie de recursos centrados na promoción dunha tenza responsable de animais
·       Baixo o lema E ti de quen vés sendo? editáronse 15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír en concellos, centros escolares, clínicas veterinarias
Os Bolechas e o seu autobús chegaron esta mañá ao Centro Príncipe Felipe para presentar cunha gran festa a nova campaña de concienciación impulsada polo Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra.
Fixérono entre a ledicia dos máis de 150 nenos e nenas de entre 4 e 10 anos que agardaban ansiosos non só para ver en directo uns dos seus personaxes favoritos, senón tamén para poder acariñar aos cachorros chegados desde o CAAN no marco desta presentación.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, participou no acto, onde destacou o gran labor que se está a realizar no CAAN e o “ritmo alto” de adopcións que mantén o centro, con 535 animais adoptados desde a súa apertura fai 17 meses.
Louzán quixo agradecer o compromiso das familias que optan por darlle un novo fogar a estes animais e animou a todos os que estean en condicións de adoptar a facelo, dándolle unha nova oportunidade a algún dos centos de animais que cada ano son abandonados na nosa provincia.
A sensibilización social como eixe
Este é, precisamente, un dos obxectivos centrais da campaña, que dá comezo tan só dous meses despois de pecharse a anterior cun notable éxito, xa que só un mes despois de iniciada, as adopcións multiplicáronse pasando de unhas poucas á semana a superar a media de unha diaria.
A nova campaña consta de dúas partes: unha orientada aos adultos e outra centrada nos máis cativos e nas súas familias, cos Bolechas como protagonistas.
Baixo o lema E ti de quen vés sendo?, preténdese promover a identificación dos animais co correspondente microchip, dado que na actualidade, e malia ser obrigatorio por lei, unha gran maioría dos animais está sen identificar.
De feito, o 80% dos animais recollidos no CAAN carecían do obrigatorio microchip. Unha das vantaxes desta identificación é que se evita o extravío dos animais.
Para concienciar sobre esta necesidade editáronse 15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír nos concellos da provincia, en centros escolares, clínicas veterinarias e outros centros frecuentados pola poboación.
Os beneficios do microchip puideron comprobalo, por exemplo, os propietarios dos 215 cans extraviados recollidos polo CAAN, xa que puideron recuperar as súas mascotas rapidamente e sen ningún custe.
Non pasou o mesmo cos donos doutros 244 animais, que carecían de identificación e que tiveron que ser trasladados ao centro para que se puidese localizar aos seus donos.
Contos, actividades, xogos e pósters dos Bolechas
A esta parte da campaña súmase a destinada a concienciación dos máis pequenos sobre o coidado dos animais. E ¡qué mellor maneira de chegar aos máis pequenos que a través das súas personaxes preferidas! Os Bolechas son, así, os protagonistas desta parte da campaña ensinándolle aos máis cativos o respecto aos animais, os coidados que lle hai que prestar ou o rexeitamento do abandono.
Fano a través de 8.000 libros titulados Os Bolechas van ao CAAN e da propia web dos Bolechas, que inclúe unidades didácticas, xogos online, pósters, miniguías e toda unha serie de recursos centrados na promoción dunha tenza responsable de animais e que os máis pequenos da casa poden disfrutar desde hoxe mesmo no enlace http://www.osbolechas.com/caan/.
Os libros serán distribuídos en centros escolares e bibliotecas e poderá descargarse tamén, de forma gratuíta, na citada web.
Previr
Con esta nova campaña de sensibilización e concienciación, a Deputación pretende seguir afondando na que foi e segue a ser unha das ideas centrais da posta en marcha do CAAN: traballar a prol da redución dos abandonos, fomentar as adopción e concienciar á poboación contra o maltrato animal.
Louzán subliñou que se trata dun labor primordial, porque reducir os abandonos debe ser sempre o prioritario.
3.000 intervencións
A gravidade do problema do abandono animal dedúcese das máis de 3.000 intervencións que nos seus 17 meses de funcionamento leva realizado o CAAN, o que quere dicir que os operarios do centro tiveron que acudir a chamadas alertando de cans abandonados practicamente 6 veces diarias.
Como dato positivo está a adopción de 535 animais e o feito de que 459 puideran ser devoltos aos seus propietarios. Preto de 1.000 cans que deambulaban polas rúas e que puideron atopar un fogar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario