Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 8 de marzo de 2015

A DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA EN PONTEVEDRA PON EN MARCHA UN SERVIZO ESPECÍFICO PARA AXUDAR Á TRAMITACIÓN DA AXUDA DA FACTURA ELÉCTRICA






§         O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recordou que a Xunta colaborará cos concellos para que os interesados poidan tamén acudir ás oficinas municipais para tramitar a solicitude
§         Tamén se poderá facer a través de asociacións de iniciativa social
§         Recordou que duplicarase a cuantía dos apoios, que chegan a 180 euros, para familias con dous ou menos fillos e a 300 no caso das familias numerosas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recordou esta mañá que a Consellería de Economía e Industria acaba de abrir o prazo para solicitar a axuda para pagar a factura eléctrica. 

Os interesados poderán solicitar estes apoios, que buscan beneficiar aos consumidores máis vulnerables no contexto enerxético actual, ata o vindeiro 30 de abril nunha primeira convocatoria, na que se facilitará axuda do gasto realizado polas familias no segundo semestre de 2014. Posteriormente, do 1 de xullo e ata o 15 de setembro, poderanse presentar os recibos que acrediten dito gasto en relación ao primeiro semestre de 2015.

As familias e persoas que soliciten estas axudas deberán facelo a través da dirección https://ticketelectrico.xunta.es, para o cal será necesario que conten con DNI electrónico ou certificado de tramitación electrónica. “Como somos coñecedores de que moitas persoas aínda non contan con este tipo de documentación, no quinto andar da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra acabamos de poñer en marcha un servizo específico para axudarlles”, explicou Cores Tourís, quen tamén recordou que os interesados poderán facer esta tramitación telemática a través de asociacións de iniciativa social como Cruz Vermella ou Cáritas, quen poderán representalos ante a administración autonómica.

A maiores, a Xunta tamén traballará cos concellos para que os interesados poidan realizar estes trámites a través da administración local, en concreto, dos servizos sociais, “xa que son eles precisamente os que mellor coñecen as familias que máis necesitan destas axudas”, engadiu o delegado territorial.

Cores Tourís recordou que o Goberno galego duplica a cuantía dos apoios aos que se pode optar ao abeiro deste programa. Así, as axudas pasan de 90 a 180 euros anuais para as familias con dous o menos fillos ao seu cargo, e de 120 a 300 euros no caso das familias numerosas. Nesta mesma liña, se fai compatible esta axuda coa RISGA, ampliando a bolsa de potenciais beneficiarios ata os 40.000 fogares. 

O tícket galego, sumado ao bono social do Goberno central, permitirá xerar de modo conxunto aforros de ata máis dun 50% no recibo eléctrico dos beneficiarios, que desta volta serán aquelas familias galegas con fillos menores de idade ao seu cargo e cuxos ingresos non superen en 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

No hay comentarios:

Publicar un comentario