Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 23 de marzo de 2015

GALICIA ACADA 111.255 DOAZÓNS NO ANO 2014 E MANTÉN A SÚA TAXA DENTRO DAS RECOMENDACIÓNS DA ORGANIZACIÓN MUNDIAL DA SAÚDE


·         O índice de participación das galegas e galegos nas campañas de doazón de sangue situouse en 40,5 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano no pasado exercicio
·         O Centro de Transfusión de Galicia salientou as 6.657 doazóns obtidas polo procedemento de aférese

O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) presentou esta mañá os resultados das campañas de doazón de sangue desenvolvidas no pasado ano 2014 e que supuxeron que Galicia acadase un total de 111.255 doazóns de sangue, cifra que permitiu, por 15º ano consecutivo, que a nosa Comunidade se mantivese, con 40,5 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, dentro dos índices de doazóns recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Os datos foron presentados nunha rolda de prensa polo director xeral de Asistencia  Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, que estivo acompañado pola directora do Centro de Transfusión de Galicia, María Inmaculada Rodríguez Calvo. Ambos coincidiron en salientar a positiva evolución da nosa Comunidade a pesares do descenso do 2,52% experimentado o pasado ano, debido ao envellecemento sociodemográfico experimentado pola poboación galega. Non obstante, Félix Rubial salientou que Galicia supera en catro puntos a media de doazón española, situándose entre as Comunidades con maior taxa de doazón de España, e apelou á probada solidariedade dos galegos e galegos para remontar este lixeiro descenso e incrementar o volume de doazóns de sangue no presente exercicio.

Datos 2014
O director xeral de Asistencia Sanitaria sinalou que a meirande parte dos cidadáns decantáronse por acudir a unha unidade móbil do CTG para facer a súa doazón, xa que no pasado 2014, o 84,3% das doazóns rexistráronse neste vehículos, aínda que lembrou a presenza de locais de atención permanente ao doador de sangue nas sete grandes cidades galegas para facilitar o acceso dos cidadáns a este xesto solidario,

Ademais, Félix Rubial salientou a elevada participación dos cidadáns no programa de doazón mediante aférese, do que, no pasado ano, se rexistraron 6.657 procesos, aínda que manifestou o interese do CTG en tentar incrementar no presente exercicio o número de doazóns mediante este procedemento.

A doazón mediante aférese permite a obtención dos diferentes compoñentes sanguíneos por separado e nun mesmo proceso e permite mellorar a calidade transfusional e a asistencia sanitaria a doentes que padecen diferentes enfermidades como o cancro.

Colaboración
O director xeral de Asistencia Sanitaria non quixo deixar de amosar o agradecemento do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade a todos os cidadáns que teñen participado activamente nas campañas de doazón de sangue xa que, co seu xesto solidario, contribúen ao mantemento do noso sistema sociosanitario. Neste sentido, salientou o elevado consumo dos distintos compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais galegos que cifrou un 96.404 unidades de hemacías no pasado 2014, aínda que esta cifra supuxo un 2,6% de descenso do consumo con respecto ao ano anterior.

Ademais, salientou a importancia da colaboración prestada por miles de cidadáns pero tamén por todos os colectivos da sociedade galega, institucións, empresas, asociacións,...Mención especial merece a contribución da factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën que, dende o ano 1994, acolle campañas de doazón de sangue e contabiliza unha cifra que ronda as 53.000 doazóns no transcurso destas dúas décadas.

Agradecemento
Félix Rubial non quixo deixar de amosar o seu recoñecemento, e o de toda a sociedade galega, a todos os doadores e doadoras, así como a todas as persoas, asociacións e institucións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.

Tanto o director xeral de Asistencia Sanitaria como a directora do CTG apelaron á solidariedade dos cidadáns para que acudan a doar nestas xornadas previas a Semana Santa, nas que cifraron en 3.000 doazóns as necesidades dos centros sanitarios galegos. Así mesmo, concluíu agradecendo a todos os galegos e galegas a súa inestimable colaboración e a súa xenerosidade como doadores, aínda que lembrou que a doazón de sangue precisa dun compromiso e colaboración constantes polo que, no ano 2015, cifraron en 121.000 doazóns as que precisarán os hospitais galegos para poder levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario