Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 21 de abril de 2015

45 desempregados inician un período de formación práctica en entidades da provincia, dentro do proxecto aQuelando3 da Deputación



Un total de 45 desempregados da provincia de Pontevedra comezaron a súa formación práctica en diferentes entidades provinciais, dentro dun itinerario práctico non laboral que puxo en marcha a Deputación a través do proxecto aQuelando3.
Estas prácticas non laborais realízanse nas especialidades formativas de: Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio; Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais; Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo Infantil e Xuvenil; e Limpeza de Superficies e Mobiliario en Edificios e Locais.
O fin desta modalidade formativa é darlles unha oportunidade ás persoas desempregadas, con formación ocupacional acreditada, poñéndoas en contacto co mercado laboral a través da realización de prácticas non laborais.
Os alumnos seleccionados están a realizar un total de 300 horas de prácticas en entidades e empresas dedicadas ós sectores de atención a persoas maiores, atención a persoas con discapacidade, desenvolvemento de actividades de ocio e tempo libre, así como nas relacionadas cos servizos de limpeza.
As persoas participantes neste itinerario que cumpran cos requisitos indicados nas bases percibirán unha axuda para a súa formación do 75 % do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) ó mes.
630 formados e 73 contratados
Todos os beneficiarios do itinerario práctico pasarán a formar parte do Servizo de Intermediación laboral en Atención a Persoas (SILAP) do proxecto aQuelando3. Este é un recurso social que se encarga de informar, orientar e facilitar a inserción no mercado de traballo dentro do ámbito dos servizos de atención a persoas.
Durante o ano pasado aQuelando3 impartiu un total de 42 cursos, dos que algún aínda se está a desenvolver. Neles formáronse 630 persoas que realizaron 300 horas de prácticas non laborais, algo que lle permitiu a cada traballador estar, durante tres meses e medio, nun centro de traballo para integrarse no mercado laboral. Ata o pasado mes de decembro o proxecto aQuelando3 posibilitou que 73 persoas atopasen un traballo remunerado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario