Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 1 de mayo de 2015

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 1 DE MAIO DÍA INTERNACIONAL DO TRABALLO

“Dende a Xunta de Galicia, e de maneira singular, dende a Consellería de Traballo e Benestar, quérese aproveitar o Día Internacional do Traballo, celebración por excelencia do movemento obreiro mundial, para reafirmar a contribución dos traballadores e traballadoras galegos ao desenvolvemento económico e social e ao benestar do noso país.

Máis que nunca, cun panorama social e económico que esixe o impulso unánime para atopar solucións á actual crise económica, requírese das institucións, e por ende, dos gobernos, medidas efectivas que proporcionen unhas condicións de vida digna para a totalidade da cidadanía e con garantía do dereito ao traballo.

Cando falamos do traballo non podemos esquecermos das persoas que están na súa procura e non o atopan, e tamén das que están traballando e das súas condicións laborais, nas que se dan situacións de sinistralidade laboral, precariedade laboral, diferenzas salariais así como outras eivas que aínda persisten nas nosas relacións laborais.

Debemos deternos tamén na situación que padecen determinados colectivos, como o xuvenil, especialmente afectado pola crise, á hora de deseñar políticas específicas que sirvan para a súa incorporación ao mundo laboral, de tal maneira que poidan alcanzar o seu pleno desenvolvemento persoal, vexan garantida a súa autonomía, o seu futuro e se favoreza a súa emancipación.

O emprego é, sen dúbida, a principal garantía da integración e a participación social, o mellor xeito de garantir o benestar da cidadanía e o mantemento das políticas sociais e de solidariedade.
Debemos resaltar o papel do Diálogo Social como principio básico para acadar vías de solución. Por iso desde esta comunidade tense apostado por este marco de colaboración entre a Administración e os axentes sociais, a través do que se están a obter acordos fundamentais para poñer en práctica políticas laborais e económicas que, sen dúbida, lexitimadas pola participación de todos e todas, permitirán chegar a un escenario mellor que o que temos.

Sabemos que a folla de ruta que nos tracemos non é fácil e que nos debe guiar cara uns obxectivos que persigan un emprego de calidade e en condicións iguais e seguras e que tamén necesitamos dunhas empresas que destaquen por ser socialmente responsables e por tanto máis competitivas, pois xogan un papel fundamental na creación de emprego e de riqueza na nosa Comunidade.

En concordancia con estes obxectivos, o compromiso da Xunta de Galicia coas relacións laborais, co emprego das galegas e galegos estase a ver plasmado a través das actuacións e iniciativas acordadas no proceso de Diálogo Social, todas elas encamiñadas á creación de emprego estable e cos dereitos laborais.

Queremos manifestar o noso convencemento de que a través do diálogo permanente cos axentes sociais e cos sectores de actividade da nosa sociedade vai a ser posible atopar vías de solución para atravesar esta crise, sendo obrigación de toda a sociedade loitar contra o desemprego e defender unhas boas condicións laborais.”


No hay comentarios:

Publicar un comentario