Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 8 de julio de 2015

CORES TOURÍS VISITOU O CONCELLO DE BARRO PARA MANTER UN PRIMEIRO ENCONTRO INSTITUCIONAL CO NOVO ALCALDE DA LOCALIDADE



           
§         O delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizou con Xosé Manuel Fernández Abraldes temas de infraestruturas, concentracións parcelarias e melloras na Barosa
§         O responsable da Delegación destacou a colaboración da administración autonómica con este concello, facendo referencia a proxectos como a posta en marcha dunha escola infantil, a execución do nó de Curro ou a colaboración na prevención de incendios forestais

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Barro dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou ao novo rexedor de Barro, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. Na reunión estivo tamén presente o tenente alcalde da localidade, José Sanmartín.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a mellora de infraestruturas como a PO-531 para garantir a seguridade viaria e a posta en marcha dun novo proxecto para ampliar a zona da Barosa. Tamén solicitaron información ao delegado territorial sobre a situación das concentracións das parcelarias do municipio e sobre a posibilidade da asunción de gastos do centro de saúde por parte da Xunta de Galicia.

O delegado territorial destacou a importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

En relación ao concello de Barro, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior alcalde do municipio, José Antonio Landín Eirín, xa que, foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello, como a nova escola infantil; a remodelación da intersección na PO-531; a posta en marcha do servizo do nó de Curro e da primeira fase do abastecemento ao polígono de Barro-Meis.  

A mellora do entorno do río Barosa, no que se investiron 750.000 euros, a asunción por parte da Xunta das competencias urbanísticas de Barro e a colaboración coa comunidade de montes de Curro para a prevención de incendios forestais son outros dos puntos de importante colaboración da administración autonómica con este municipio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario