Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 16 de septiembre de 2015

A DEPUTACIÓN OFERTA MÁIS DE 800 PRAZAS NO PROGRAMA DE BALNEARIOS COIDARTE 2015



O prazo de solicitudes estará aberto dende o 16 de setembro ata o 5 de outubro
A deputada provincial responsable de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, anunciou a apertura da segunda convocatoria do programa Coidarte 2015, que lles permitirá ás persoas maiores acceder a unha oferta de ocio e saúde en seis balnearios da provincia. Eva Vilaverde cualificou esta iniciativa como "necesaria para promover o envellecemento activo e permitir que as persoas con menos posibilidades poidan acceder a unha oferta adecuada de descanso e saúde, ampliar as súas relacións sociais e paliar situacións de illamento e soidade".
Esta segunda quenda do programa, cuxas solicitudes deben realizarse dende mañá 16 de setembro ata o 5 de outubro, contará con 821 prazas. As persoas que desexen solicitar praza deben estar empadroadas na provincia de Pontevedra, ser maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas ou ser persoas con cargas familiares que precisen dun respiro familiar.
Trátase dun programa diurno no que as persoas participantes poderán pasar cinco tardes, de luns a venres, no balneario que escollan dos seis que se ofertan, sitos nos concellos de Oia, Mondariz-Balneario, Illa da Toxa, Cuntis, Moaña e Silleda. Para iso contarán con transporte dende o lugar de orixe ata as instalacións do balneario, no que pasarán a tarde para volver posteriormente ao seu domicilio, o que lles permitirá continuar coas suas tarefas cotiás.
O proceso de concesión de prazas realizarase, no caso de solicitantes xubilados e pensionistas, dando prioridade ás solicitudes que correspondan a persoas con pensións con menor importe e ás de maior idade. No caso de solicitantes a través de informe do traballador social por respiro familiar, terán prioridade os de maior idade.
Neste programa tamén participan concellos adheridos, que colaboran na xestión do programa e cofinancian a participación dos seus veciños e veciñas. Así, a Deputación achega 40 euros por praza, o concello adherido achega 10 euros por praza e a persoa usuaria achega a cantidade que resta do prezo do balneario escollido. No caso de que a persoa estea empadroada nun concello non adherido, so contaría coa achega da Deputación. 
Os lugares de presentación de solicitudes serán o concello do solicitante, no caso de ser concello adherido, ou o rexistro xeral da Deputación de Pontevedra para os demais.
O programa Coidarte ten ademais dun claro obxecto social, promovendo a igualdade de oportunidades no acceso ao ocio de descanso, un obxectivo de dinamización do sector turístico nas épocas de menos actividade. Deste xeito, o programa tamén contribúe a desestacionalizar a demanda e a promover a oferta do turismo termal, impulsando o mantemento de postos de traballo.
Xa na primeira convocatoria desta edición, que rematara no mes de abril, participaran preto de 2.000 persoas.  Desde a súa posta en marcha, no ano 2006, participaron 34.159 persoas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario