Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 29 de octubre de 2015

A CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS AVANZA QUE EN 2016 A XUNTA INICIARÁ A PLANIFICACIÓN DO TRANSPORTE A DEMANDA





§         O sistema do transporte a demanda será a mellor opción para garantir a máxima cobertura do transporte público en comarcas como a da Costa da Morte
§         Nesta nova organización, o Executivo autonómico investirá 2,5 millóns de euros, coa achega de 2 M € de fondos Feder e este modelo de transporte colectivo estará plenamente operativo a partir de 2019, cando venzan os actuais contratos
§         Ethel Vázquez subliña que a Xunta non vai tolerar que ningunha empresa concesionaria dun servizo público incumpra as súas obrigas

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou hoxe na Cámara galega que no vindeiro ano, a Xunta de Galicia iniciará a planificación do transporte a demanda, polo que se introduce nos orzamentos unha importante dotación económica para a licitación dun proxecto de planificación do sistema de transporte a demanda en Galicia, que permitirá efectuar unha nova e completa planificación do conxunto da rede transporte público na Comunidade autónoma galega.

Nesta nova organización, o Executivo autonómico investirá 2,5 millóns de euros, coa achega de 2 M € de fondos Feder e este modelo de transporte colectivo estará plenamente operativo a partir de 2019, cando venzan os actuais contratos.

Tamén remarcou que melloraranse os servizos con medidas como a implantación, no primeiro semestre de 2016, do sistema de axuda á explotación (SAE), no que investiron máis de 2 millóns de euros. Como exemplo explicou que este sistema permitiralle aos habitantes da Costa da Morte e do resto de Galicia coñecer en tempo real a oferta de servizos.

Na súa intervención, Ethel Vázquez aclarou que para a Xunta o transporte público constitúe unha necesidade social, sobre todo, para os cidadáns daqueles concellos e lugares que xeograficamente están máis afastados das cidades cabeceira ou da súa capital de provincia.

Costa da Morte
Vázquez subliñou que o sistema do transporte a demanda será a mellor opción para garantir a máxima cobertura do transporte público en comarcas como a da Costa da Morte e incidiu en que accións coma esta complementarase con outras como as bonificacións no prezo da viaxe e lembrou que, desde hai máis dun mes, os veciños de Carballo desfrutan da súa incorporación á Área de Transporte Metropolitano da Coruña, que lles permite facer desprazamentos habituais ata a capital provincial polo prezo reducido de 3,13 €; ou desprazamentos internos por 0,85 €.

Así mesmo, concretou que haberá unha modificación da oferta, coa posibilidade de complementar a actual rede de transporte público de uso xeral coa utilización compartida do bus escolar, con varias rutas de transporte escolar dos concellos de Coristanco e Mazaricos.

En resposta a unha pregunta do grupo socialista, Vázquez quixo lembrar que na Costa da Morte, a oferta de transporte colectivo estrutúrase, fundamentalmente, en dous eixes principais: o eixe que, cara a Muros e Noia, comunica con Santiago e coa fachada atlántica; e o que, desde Fisterra e Cee, comunica a toda a comarca cara á Coruña. A estes dous e súmanse outras comunicacións como poden ser as da comarca de Bergantiños con Santiago de Compostela.

Tolerancia cero ao incumprimento de obrigas
Nos últimos anos, as empresas de transporte que operan nesta zona trasladaron á Administración autonómica dificultades no mantemento de algunhas liñas, asegurando que estas non presentan unha correspondencia coa demanda actual. Xa no ano 2007, o Goberno bipartito autorizou a división en tres servizos independentes do principal servizo de transporte en autobús o que supuxo unha importante redución da oferta.

Ethel Vázquez aclarou que a Xunta estuda co máximo rigor a adaptación dos servizos aos cambios na demanda para lograr a mellora na eficiencia do servizo público; e evitar que se produzan situacións de perda da sostibilidade no servizo ou adaptacións inxustificadas da oferta.

A responsable de Infraestruturas aclarou que, en moitos casos procedeuse ao arquivo de solicitudes presentadas polas concesionarias por considerar que non estaban xustificadas; exemplo disto son as accións que leva a cabo a Dirección Xeral de Mobilidade con algunhas que afectan á Costa da Morte. Posto que a Xunta non vai tolerar que ningunha empresa concesionaria dun servizo público incumpra as súas obrigas

Vázquez destacou o intenso labor de inspección dos servizos, ao obxecto de garantir o adecuado cumprimento das cláusulas fixadas nos contratos de xestión de transporte regular de viaxeiros na Costa da Morte. En canto houbo constancia das primeiras denuncias da supresión de servizos de forma unilateral e sen autorización por parte das empresas de transporte que operan nesta comarca realizáronse inspeccións de xeito continuo, que tiveron como consecuencia o inicio de 11 expedientes sancionadores por unha contía de 11.000 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario