Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 16 de octubre de 2015

A XUNTA TRASLÁDALLE Á VALEDORA DO POBO A INFORMACIÓN SOBRE O BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL CREADO PARA AXUDAR AS FAMILIAS EN RISCO DE PERDER A VIVENDA POR IMPAGO DA RENDA




A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo o primeiro encontro de traballo con Milagros Otero

§         Esta medida pioneira consiste nunha axuda urxente de 150 euros ao mes durante dous anos, máis 450 euros adicionais para aboar cantidades pendentes ou formalizar un novo contrato de alugueiro
§         Trátase dunha nova iniciativa que se suma ao Plan de realoxos para afectados por execucións hipotecarias, que permitiu dar unha solución ao 100% das familias que se dirixiron á Xunta e que cumprían os requisitos
§         A conselleira informou de que nos últimos meses a Xunta asinou acordos con distintas entidades financeiras que se comprometeron a ceder 240 vivendas baleiras para destinar a alugueiros sociais a familias en situación de desprotección
§         Salientou que varios bancos, entre eles a maior entidade financeira de Galicia, se comprometeron coa Xunta a non executar desafiuzamentos por impago da hipoteca e a permitir que as familias permanezan na vivenda cun alugueiro social

A conselleira de Infraestrutura e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, trasladoulle á Valedora do Pobo, Milagros Otero, a  información sobre o Bono de Alugueiro Social, posto en marcha pola Xunta de Galicia para axudar as familias en risco de perder a súa vivenda por non poder aboar a renda da vivenda.

Neste primeiro encontro,  a conselleira reiterou a súa vontade de manter unha estreita colaboración coa institución do Valedor do Pobo co obxectivo de garantir o dereito constitucional dos cidadáns a unha vivenda digna, xa que, remarcou, “o Goberno galego non estará satisfeito mentres unha soa familia estea en risco de quedar sen fogar”.

Ethel Vázquez explicou que, con ese obxectivo, a Xunta puxo en marcha o pasado mes de agosto o Bono de Alugueiro Social, unha medida pioneira que consiste nunha axuda urxente de 150 euros ao mes durante dous anos e unha axuda adicional de 450 euros, que se poden destinar a aboar cantidades pendentes ou afrontar os gastos propios da formalización dun novo contrato.

Vázquez lembrou que os programas do Goberno galego se teñen incrementado nos últimos tempos, “e así seguimos reforzando o programa de realoxos para afectados por execucións hipotecarias, o que permitiu dar cobertura ao 100% das familias que se dirixiron á Xunta e que cumprían os requisitos; e asinamos acordos coa Sareb e con distintas entidades financeiras que facilitan 240 vivendas para a súa adxudicación directa a afectados por desafiuzamentos por non pagar a hipoteca e o alugueiro”.

Ademais, Ethel Vázquez subliñou que se logrou o compromiso das entidades, entre elas a principal entidade financeira de Galicia, de non executar máis desafiuzamentos e permitir que os afectados permanezan na vivenda co pago dun alugueiro social.

A conselleira entregoulle á nova Valedora do Pobo información completa sobre todos os programas da Xunta destinados a garantir o acceso a un fogar a aqueles colectivos máis desfavorecidos, incluídos no Plan RehaViIta, o primeiro programa autonómico de vivenda, que prevé a mobilización de 600 millóns de euros, a metade fondos públicos, e que beneficiará a máis de 152.000 persoas.

Por último, explicou que con esta reunión búscase que a propia Valedora do Pobo poña en coñecemento de todos aqueles cidadáns que se dirixan a esta institución por atoparse nesa situación de desprotección, o que facilitará o feito de poder dar unha resposta áxil a todas aquelas familias que están en risco de sufrir un desafiuzamento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario