Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 26 de octubre de 2015

ÁNGELES VÁZQUEZ DESTACA A IMPORTANCIA DO SECTOR DA HORTA COMO FONTE DE EMPREGO E ASENTAMENTO DE POBOACIÓN NO MEDIO RURAL




§        A conselleira do Medio Rural mantivo esta mañá unha xuntanza coa directiva da Sociedade Cooperativa Horsal, situada no concello pontevedrés de Cambados
§        No futuro PDR haberá unha medida específica para o fomento das producións ecolóxicas que terá unha dotación de 12,68 millóns de euros
§        En Galicia hai 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire libre dedicadas ao cultivo comercial

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reiterou en Cambados a importancia que ten o sector da horta en Galicia como fonte de emprego e asentamento de poboación no medio rural. Así o destacou no marco dunha xuntanza que mantivo cos directivos da Sociedade Cooperativa Horsal, antes de asistir ao seu Xantar Anual de Confraternización.

Ángeles Vázquez enxalzou o valor dos produtos da horta galega e a importancia do cooperativismo, así como a unión de esforzos entre Administración e produtores para afrontar os retos e necesidades dos consumidores. Así, insistiu en que este sector é vital para o desenvolvemento do rural e, mostra diso, é que se está a constituír como un interesante complemento á produción gandeira para algunhas cooperativas leiteiras.

A conselleira deu conta tamén das diferentes axudas a que poderán optar os hortofruticultores no marco do novo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e das liñas de traballo da Xunta para o fomento da agricultura ecolóxica. Cómpre destacar que, en relación con esta última, no futuro PDR haberá unha medida específica para o fomento deste tipo de producións que terá unha dotación de 12,68 millóns de euros, o que constitúe case o dobre das axudas que os produtores ecolóxicos recibiron a través das axudas agroambientais no período 2007-2013. 

A horta e as cooperativas galegas
En Galicia hai 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire libre dedicadas ao cultivo comercial, ás que compre engadir 600 máis de cultivo de faba e grelo. En xeral, os principais cultivos hortícolas en Galicia son a leituga, cunha produción anual aproximada de 3 millóns de exemplares/ano; o tomate, cunha produción duns 700.000 Kg/ano; o feixón verde, cuns 500.000 Kg/ano e os pementos, cuns 240.000 Kg/ano.

En relación ao sector, cabe destacar que está formado por unha ducia de cooperativas específicas de horta e algunha outra de leite que tenta diversificar a súa produción incorporando a comercialización dos produtos de horta. O conxunto das cooperativas abrangue preto de 650 socios e arredor de 175 hectáreas de cultivo. Existen tamén varias Sociedades Agrarias de Transformación (SATs) de horta e preto dun cento de pequenas asociacións de produtores localizadas en zonas especializadas nun determinado cultivo, por exemplo o grelo.

Horsal S.C.
Esta cooperativa fundouse no ano 1986 e dedícase á produción hortícola, facturando preto de 1,5 millóns de euros anuais. Na actualidade está formada por 150 socios que poñen en conxunto unha superficie aproximada de 25 hectáreas, tanto ao aire libre (10 ha) como en invernadoiros (15 ha). A produción anual é de 1,4 toneladas entre as súas principais producións: leituga, pementos e repolo. No ano 2009 foi recoñecida pola Consellería de Medio Rural como unha Organización de Produtores de Froitas e Hortalizas (OPFH) e inscrita no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente como tal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario