Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 6 de octubre de 2015

AS BRIGADAS ACTÚAN EN MEDIO CENTO DE ESTRADAS PROVINCIAIS POR MOR DO TEMPORAL DURANTE A MAÑÁ DE ONTE



Na fin de semana o servizo de vixianza deu aviso da presenza de varias árbores nas vías, así como dun muro e dun poste de tendido eléctrico tirados polo vento
As brigadas provinciais de mantemento das estradas da Deputación  de Pontevedra estiveron en total actividade durante a mañá de hoxe e a fin de semana por causa do temporal. Só durante as primeiras horas de hoxe luns xa se actuou en medio cento das vías provinciais, retirando arrastres da chuvia que taponaban tubos e arquetas; eliminando balsas de auga das calzadas e apartando árbores e ramas que impedían o tránsito.
As últimas actuacións de emerxencia realizáronse en Cambados, Caldas, Baiona e Mos logo de recibir chamadas do 112. No caso de Cambados advertiuse sobre as 13.00 horas da presenza de dúas árbores caídas unha enriba da outra na EP-9005 (Corbillón-Tremoedo) e nestes momentos os operarios aínda seguen traballando. No caso de Caldas o aviso foi ás 11.20 horas, xa que na EP-8002 (Caldas-San Clemente) precisábase dunha limpeza da calzada por presenza de moita terra e pedras que foran arrastradas pola auga. Outra brigada tivo que actuar en Baiona, na EP-2202 (Baiona-Loureza) polo risco de caída de varios sinais de tráfico, que estaban tirados cara a calzada e poñían en perigo a circulación.
Durante a mañá tamén foi preciso actuar na EP-2605 (Rebullón-Meixueiro-CUV)  por un muro caído na estrada debido á acumulación de auga que estaba soportando. O aviso dérao o 112 preto das dúas da mañá advertindo de que había un carril inhabilitado, polo que a brigada, durante a noite, procedeu a sinalizalo e hoxe a primeira hora a retirar todos os escombros para facilitar o tránsito.
Ademais de todas estas actuacións de urxencia, todas as brigadas provinciais estiveron realizando traballos nas vías por zonas. Os equipos da zona Centro realizaron batidas para limpar as taxeas e evitar así que as balsas de auga asolagasen as estradas por culpa dos arrastres de ramas, herba e brozas que atrancaban os desaugadoiros e non deixaban aliviar. Estiveron nas estradas entre Curro-Portela, Curro-San Amaro, Valiñas-Portela, Portas-Romai, Goulla-Porráns, Mosteiro-Barrantes, Caldas-San Clemente, entre outras. Na zona do Salnés actuouse nas vías entre O Grove-San Vicente, no acceso a Siradella, á praia de Balea, de Carreiro, no camiño Virxe das Mareas.
Durante a fin de semana as brigadas do Centro foron as que centralizaron tódalas actuacións dos equipos de emerxencia da Deputación por mor do temporal.  Retirouse un taco de madeira de grandes dimensións que caera da carga dun camión de transporte na EP-0001 entre Bértola-Canicouva-Pontesampaio sobre as catro da tarde. Na mesma vía caeu o domingo unha árbore que impedía o paso. Despois, foi preciso retirar un poste de tendido eléctrico da estrada, que tamén tirara varios sinais, na EP-9302 entre Sil-Covas-Barrantes (Ribadumia), e unha árbore na EP-0017 na estrada Vao-Campañó.
Os equipos con base nos parques de Gondomar e Ponteareas (da zona Sur) estiveron nas estradas de Arcade-O Viso, Cesantes-O Viso, Arcade-Amoedo, Alxán-O Viso, Portela-Redondela, Pazos-Borbén, Pazos-Ponteareas, Pazos-Muras, Barcia de Mera-Mondariz, Caldelas-Salceda, Soutelo-Entenza, Salceda-Picoña, Covelo-Barciademera, Ponte do Val-Barciademera, entre moitas outras.  O repaso das vías continuaba durante a tarde e, ante a previsión de que o mal tempo continuase, estaba previsto que tamén se seguira no día de mañá.
Na zona Norte da provincia tamén houbo plena actividade. Durante a mañá de onte se traballou  nas estradas entre Agolada-Cruces, Larazo-Duxame, Berredo-Brantega, Berredo-Baíña, Orrea-Val-Brocos, Lalín-Rodo-Brantega e Cruces-Broncos, entre outras moitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario