Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 19 de octubre de 2015

ESTE LUNS 19 DE OUTUBRO INÍCIASE NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA UNHA NOVA CAMPAÑA DAS VACINAS ANTIGRIPAL E ANTIPNEUMOCÓCICA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE




§         A campaña desenvolveráse ata o 19 de decembro, na que poderán vacinarse en 250 puntos da provincia todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco
§         Sanidade pretende tamén acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos
§         Haberá unha web coa información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía.

A Consellería de Sanidade inicia este luns 19 na provincia de Pontevedra a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o vindeiro 19 de decembro.

A provincia de Pontevedra conta nesta campaña con arredor de 250 puntos de vacinación, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Cun orzamento de 1.898.104€ para a presente campaña, Galicia adquiriu 530.100 doses que se distribuirán por máis de 900 puntos de vacinación. Dita adquisición efectuouse mediante un acordo marco con Ministerio de Sanidade e outras 13 comunidades autónomas españolas.

Como novidade, Sanidade porá en marcha unha web (http://gripe.sergas.es) con información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía-

Obxectivos da campaña
O obxectivo seral é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuir o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Doutra banda como obxectivos específicos, están acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de primaria e especializada o obxectivo de cobertura é do 35%.


Poboación diana
A campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2015 -que ten unha duración de máis de oito semanas- está destinada a todas as persoas da provincia que teñan 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da vacina antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a provincia de Pontevedra, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Organización da campaña
Utilizaránse dous tipos de vacina: unha para poboación xeral e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viva en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

Os interesados en vacinarse na provincia de Pontevedra deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de como solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra reitera á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial da provincia, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.





Balance da campaña provincial do pasado ano 2014
O balance de datos da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra revela que, na campaña do pasado ano 2014, administráronse un total de 134.325 doses antigripais na provincia de Pontevedra, das que 94.688 doses foron destinadas a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 48,61%.

Con respecto á vacina antineumocócica, na campaña provincial do pasado ano 2014 rexistráronse 11.123 doses, das que 1640 foron para a poboación de 65 anos, conseguindo unha cobertura do 14%.

Datos por Xerencias de Xestión Integrada de Pontevedra e Vigo
Concretamente na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña do ano 2014 un total de 43.621 doses. Delas, 31.326 correspóndense con maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 49%.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano 2014 na na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés rexistráronse 4.002 doses, das que 454 inoculáronse a persoas de 65 anos, o que representa unha cobertura poboacional do 12%.

Por outra banda, na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na campaña de 2014 un total de 77.334 doses antigripais. Destas doses, 53.479 correspondéronse a maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 47% da poboación diana.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano na área de Xestión Integrada de Vigo rexistráronse 6.175 doses, das que 1.056 foron para a poboación de 65 anos, o que representa unha cobertura do 14%.

No hay comentarios:

Publicar un comentario