Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 29 de octubre de 2015

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA QUE A XUNTA INCREMENTARÁ NUN 40% AS AXUDAS Á VIVENDA O VINDEIRO ANO




A conselleira de Infraestruturas interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde subliñou o esforzo do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda aos galegos



  • Indica que o Plan Rehavita, a pesar dos escasos meses transcorridos desde a súa posta en marcha, xa ten en execución arredor da metade das actuacións, que se continuarán implementando nos próximos meses
  • Sinala que a Xunta poderá seguir paralizando desafiuzamentos grazas aos convenios asinados coas entidades financeiras, comprometidas a non botar da súa casa a aquelas familias que non poidan pagar por causas económicas
  • Concreta que o Bono de Aluger Social tamén evitará os desafiuzamentos por impago do alugueiro mediante un orzamento para 2016 de 1,5 millóns en axudas, un incremento de máis do 47 % en relación ao exercicio anterior
  • A conselleira tamén abordou a subsidiación dos préstamos hipotecarios, axudas creadas, financiadas e suprimidas polo Estado, manifestando que a Xunta defendeu os intereses dos beneficiarios  e xestionou a axuda e a solución con dilixencia seguindo a lexislación correspondente

Ethel Vázquez destaca que Xunta incrementará nun 40% as axudas á vivenda o vindeiro ano. Así o manifestou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda na súa intervención no Parlamento de Galicia, onde subliñou o esforzo do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda aos galegos.

Vázquez indicou que o Instituto Galego da Vivenda e o Solo é o departamento que máis incrementa o seu volume de gasto, concretamente un 19,9%, xa que o Goberno galego está a traballar en desenvolver programas propios para garantir unha vivenda aos cidadáns, sexa en réxime de alugueiro ou de propiedade; e en mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas xa existentes, a través das axudas de rehabilitación.

A conselleira explicou que a Xunta decidiu plasmar esta aposta e compromiso no Plan rehaVita, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Trátase do primeiro plan autonómico de vivenda, que beneficiará a máis de 152.000 cidadáns galegos e suporá un investimento de 600 millóns de euros dos que a Xunta achega máis da metade.

A titular de Infraestruturas indicou que este plan, a pesar dos escasos meses transcorridos desde a súa posta en marcha, xa ten en execución arredor da metade das actuacións, que se continuarán implementando nos próximos meses.

Ethel Vázquez adiantou que o orzamento do próximo ano en materia de vivenda servirá para afianzar o programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, que garante unha vivenda a todos os afectados que o soliciten e que cumpran os requisitos. Engadiu que tamén contribuirá a evitar os desafiuzamentos por impago do alugueiro a través do Bono de Aluger Social: a convocatoria de 2015 prevía axudas por importe máximo de 1,02 millóns de euros, mentres o orzamento para 2016 prevé unha convocatoria por 1,5 millóns, un incremento de máis do 47 %.

Vázquez indicou que a Xunta poderá seguir paralizando desafiuzamentos grazas aos convenios asinados coas entidades financeiras, entre eles a maior entidade financeira de galicia, que se teñen comprometido a non botar da súa casa a aquelas familias que non poidan pagar por causas económicas.

O IGVS porá a disposición de administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades de carácter social, para que as xestionen en réxime de arrendamento ou outras formas de ocupación, destinadas a atender a persoas que requiren unha especial atención.

Ademais, no vindeiro ano, o orzamento para rehabilitación incrementase en máis dun 54%, incluíndo unha partida de 23,6 millóns de euros. Mantéñense as Áreas de Rehabilitación Integral, uns convenios, que onte mesmo asinaron Ministerio, Xunta e 38 concellos beneficiarios e que van permitir investir máis de 36 millóns de euros e contribuír á rehabilitación de case 2.000 vivendas, entre elas, as situadas nos concellos da área de rehabilitación integral do Camiño de Santiago. 

Subsidiación dos préstamos hipotecarios
A conselleira tamén abordou a subsidiación dos préstamos hipotecarios, dos que precisou que son axudas creadas, financiadas e suprimidas polo Estado.

Vázquez manifestou que a Xunta defendeu os intereses dos beneficiarios  e xestionou a axuda e a solución con absoluta dilixencia seguindo a lexislación correspondente. Concretou que o problema derivaba dun criterio interpretativo do Ministerio de Fomento que suprimía a posibilidade de solicitar prórrogas na subsidiación dos préstamos de vivendas protexidas de planes anteriores ao 2009-2012.

Ante esta situación, levouse a cabo  unha proposición non de lei para instar a modificar ese criterio e remitíuselle un escrito á ministra de Fomento trasladándolle a preocupación. En agosto de 2014, Fomento remitiu ao IGVS un novo criterio interpretativo referido á renovación das subsidiacións destes préstamos.

Nese mesmo mes de agosto de 2014 o Instituto Galego da Vivenda e Solo comezou a revisión de todas as resolucións denegatorias: concretamente 1.785  resolucións. As novas resolucións foron remitidas aos interesados conforme se foron ditando e hai meses que as comunicacións están xa en mans destes.

Ethel Vázquez concluíu que aí rematou a intervención da Xunta, xa que o pagamento das axudas realízaa directamente o Ministerio ás entidades financeiras nas que está constituída a hipoteca, sen intervención de ningún tipo do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario