Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 11 de noviembre de 2015

A XUNTA IMPULSA O TRABALLO DOS AUTÓNOMOS DE GALICIA E PRIORIZA O EMPRENDEMENTO INDUSTRIAL, XUVENIL E NO RURAL





§         A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Pontevedra no VII Congreso do Traballador Autónomo
§         A responsable da área autonómica destacou que os emprendedores galegos son “unha peza clave” na recuperación económica
§         O Goberno galego reforzará o seu apoio ás asociacións máis representativas do sector que aglutinan a máis de 227.000 traballadores galegos

A Xunta está a impulsar o labor dos autónomos de Galicia priorizando medidas no sector do emprendemento industrial, xuvenil e no rural. Así o destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, no VII Congreso da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia) celebrado en Pontevedra.

Toca sinalou que os emprendedores e autónomos son “unha peza clave” na recuperación económica e, por iso, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria seguirá a estreitar as liñas de colaboración que ven mantendo coa Asociación de Autónomos e Profesionais de Galicia para apoiar o seu labor.

Deste xeito, explicou que o departamento autonómico porá en marcha un programa de emprendemento para favorecer a industrialización de produtos agrícolas e gandeiros e outros proxectos no medio rural, seguirá a apostar polo autoemprego no sector da automoción, ao tempo que reforzará o emprendemento dos menores de 30 anos.

A secretaria xeral de Emprego lembrou que o número de traballadores por conta propia en Galicia supera os 227.000, o que representa preto do 24 por cento do total de persoas afiliadas á Seguridade Social. Así, indicou que o fomento do espírito emprendedor seguirá a ser “un dos piares básicos da política de emprego e de promoción económica da Xunta”.

Neste senso, apuntou que o departamento autonómico está a traballar para incrementar a coordinación entre a Unidade Galicia Emprende e as redes de axentes que existen no territorio galego para dinamizar o emprendemento. “Queremos establecer máis sinerxías e ofrecer mellores servizos”, resaltou.

Por último, Toca afirmou que se seguirá a apoiar o labor das asociacións máis representativas de traballadores autónomos, xa que afirmou que “forman parte da dinamización económica e creación de emprego para Galicia”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario