Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 24 de noviembre de 2015

A XUNTA OFRECE CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O PROGRAMA DE GARANTÍA XUVENIL EN RIBADUMIA, MEIS, CAMBADOS E SANXENXO




§      Nas sesións impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria infórmase sobre este proxecto dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación
§      As actividades terán lugar o martes pola mañá en Meis e Ribadumia, mentres que o mércores serán en Cambados e Sanxenxo
§      Búscase que os mozos e mozas poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua ou un período de prácticas tras acabar a educación formal ou quedar desempregados
§      As sesións son de libre acceso e contarán coa presenza dun orientador de emprego que explicará aos asistentes as vantaxes do programa

A rolda de charlas informativas do programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará a próxima semana a diversas localidades da comarca de Arousa. O obxectivo desta iniciativa é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

A primeira das charlas será o martes ás 9.30 horas na Casa da Cultura de Ribadumia, na rúa Párroco Valiñas. A continuación, ás 12.00 horas será a segunda sesión informativa en Meis, no Multiusos do Mosteiro, na Praza de España.

Ao día seguinte, o mércores, a charla será en Cambados ás 10.00 horas, no centro sociocultural A Merced, da Avenida da Coruña, s/n. Posteriormente, ás 12.00 horas a cita será no Pazo da Cultura Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, na Travesía Miraflores, 26.

Todas as actividades son de libre acceso e contarán coa presenza dun orientador de emprego que explicará aos asistentes as vantaxes de inscribirse neste programa.

O programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Todos os interesados en acudir ás xornadas informativas poden anotarse no teléfono 881 99 57 00 ou nas propias aulas de impartición. Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

No hay comentarios:

Publicar un comentario