Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 6 de noviembre de 2015

O ORZAMENTO DO INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO MEDRA UN 20% CO OBXECTIVO PRIORITARIO DE GARANTIR UN FOGAR AOS QUE MÁIS O NECESITAN




O director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, presentou  o presuposto do seu departamento no Parlamento


§         Salienta que o Bono de Alugueiro Social contará en 2016 cunha convocatoria por 1,5 millóns de euros, cun incremento de máis do 47%
§         Sinala que as contas autonómicas do próximo ano inclúen 5,2 millóns de euros destinados tanto á construción de novas vivendas de promoción pública na Coruña, Vigo e Ourense, como á rehabilitación de edificios propiedade do IGVS
§         O director Subliña que a rehabilitación é outra das prioridades da Xunta, reservando 2 millóns de euros para axudas a restauración de vivendas unifamiliares no medio rural e conxuntos históricos
§         Destaca que o solo empresarial conta con 22,1 millóns de euros, que impulsarán proxectos como a Plataforma Loxístico-Empresarial Salvaterra-As Neves (PLISAN), na que continuarán as obras da primeira fase dos servizos xerais, xa iniciadas

O orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo medra un 20% co obxectivo prioritario de garantir un fogar aos que máis o necesitan, para elo potenciaranse programas de vivenda social, rehabilitación e para favorecer a actividade económica. Así o indicou no Parlamento de Galicia o seu director, Heriberto García, na presentación do proxecto de orzamento deste organismo para o vindeiro ano.

 O director xeral destacou que o orzamento do IGVS para o ano próximo se incrementa en preto dun 20 %, catro veces máis que o orzamento global da Xunta de Galicia.

Heriberto García subliñou que garantir o acceso a unha vivenda digna a todos os cidadáns, con especial atención aos máis desfavorecidos, e favorecer a actividade económica facilitando a instalacións de empresas en Galicia son os dous obxectivos do orzamento do IGVS.

As actuacións en materia de vivenda da Xunta está incluídas no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020, aprobado polo Consello da Xunta en febreiro pasado. Un dos eixes deste plan son os programas sociais en materia de vivenda, que se plasman no orzamento do IGVS a través de diversos programas:

·        Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias.
·        Bono de Aluguer Social
·        Censo de vivendas baleiras
·        Infravivenda rural
·        Vivenda de promoción pública


Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias
O programa, creado en 2012, garante o realoxo da totalidade dos afectados por execucións hipotecarias que o soliciten e cumpran os requisitos. O realoxo realízase preferentemente en vivendas propiedade do IGVS ou en vivendas cedidas por SAREB ou entidades financeiras. So en caso de non dispoñer dalgunha destas vivendas se opta polas do programa Aluga.

No orzamento do IGVS este programa reflíctese tanto no capítulo de ingresos como no de gastos. No de ingresos ao supoñer unha minoración dos percibidos polo IGVS polo alugueiro das vivendas da súa propiedade destinadas a este fin, xa que a adxudicación a afectados por execucións hipotecarias se realiza en condicións moi vantaxosa e incluso, no casos de maior necesidade, en réxime de ocupación temporal, sen pagar alugueiro.

No apartado de gastos destínanse máis de 400.000 euros ás axudas derivadas dos convenios asinados con SAREB e entidades financeiras, que ceden vivendas baleiras da súa propiedade que se destinan preferentemente ao realoxo de afectados por execucións hipotecarias e outros casos de emerxencia social.
Por outra parte, o orzamento inclúe 200.000 euros destinados ás axudas para as familias realoxadas en vivendas do Programa Aluga.

Bono Alugueiro Social
O Bono de Alugueiro Social é unha axuda destinada a evitar desafiuzamentos ante a imposibilidade das familias de facer fronte ao pagamento da renda.

Este bono consiste nunha axuda de 150 euros mensuais durante doce meses, prorrogables por outros doce. E ademais, disporán tamén dunha axuda única de 450 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.

A convocatoria de 2015 prevía axudas por importe máximo de 1,02 millóns de euros, mentres o orzamento para 2016 prevé unha convocatoria por 1,5 millóns de euros, cun incremento de máis do 47%.

Ademais das axudas do Bono de Aluguer Social, as do programa de vivendas baleiras e as destinadas ao realoxo de afectador por execucións hipotecarias en vivendas do Programa Aluga, o orzamento do IGVS para 2016 inclúe 3,5 millóns de euros para axuda ao aluguer do plan 2013-2016 e 0,8 millóns de euros para dar continuidade aos contratos en vigor acollidos ao Programa Aluga.

Dende o IGVS estase a traballar tamén no Decreto polo que se creará o Censo de Vivendas Baleiras, que permitirá coñecer a situación real das vivendas baleiras en Galicia, propiedade de entidades financeiras e da SAREB, co obxecto de poder deseñar as oportunas políticas públicas orientadas á ocupación das mesmas.

Heriberto García precisou que en concellos de menos de 5.000 habitantes actuarase sobre as infravivendas, que en moitos casos con pequenas obras de reparación recuperan as condicións mínimas de habitabilidade permitindo aos seus ocupantes vivir dunha forma digna e deixar satisfeitas as súas necesidades residenciais. A este fin destinaranse o ano próximo 0,1 M/€.

Vivenda de promoción pública
O programa de vivenda de promoción pública, vivendas construídas polo IGVS con fondos propios, ten tamén un alto carácter social xa que van destinadas ás capas máis desfavorecidas da poboación, que doutra maneira teñen grandes dificultades para o acceso a unha vivenda digna.

O orzamento de 2016 inclúe 5,2 millóns de euros destinados tanto á construción de novas vivendas de promoción pública na Coruña, Vigo e Ourense, como á rehabilitación de edificios propiedade do IGVS, cuxas vivendas serán cualificadas como promoción pública, en Betanzos, Lugo e Ourense.


Rehabilitación
A rehabilitación de vivendas é outra das prioridades do orzamento do IGVS, que se plasma a través de diferentes programas:

·        Rehabilitación de vivenda unifamiliar no medio rural e conxuntos históricos
·        Rehabilitación de edificios de vivendas
·        Reparación de vivendas de promoción pública
·        Reparación de vivendas de promoción pública
·        Rehabilitación pública de vivendas
·        Áreas de Rehabilitación
·        Consorcio Casco Vello de Vigo
·        Informe de avaliación dos edificios

A rehabilitación de vivenda unifamiliar no medio rural e conxuntos históricos é o máis antigo dos programas de rehabilitación implantados en Galicia, destinado á concesión de axudas. En 2016 contará cun total de dous millóns de euros.

A rehabilitación de edificios de vivendas ten por obxecto o financiamento da execución de obras de conservación, mellora da calidade e sostibilidade así como a de accesibilidade nos elementos e espazos privativos ou  comúns, dos edificios de tipoloxía residencial colectiva, beneficiándose as comunidades de propietarios, agrupacións de comunidades ou propietarios únicos de edificios de vivendas. En 2016 contará con 2,73 millóns de euros.

Á reparación de vivendas de promoción pública destinaranse 1,3 millóns de euros. O IGVS realiza actuacións de reparación e mellora das vivendas de promoción pública da súa propiedade para mellorar as condicións de habitabilidade das mesmas.

Ademais subvenciónase ata nun 75 por cento as obras de rehabilitación e mellora realizadas por comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública. En 2016 destinarase a estas axudas un total de 500.000 euros.

Finalmente, 3,8 millóns de euros serán destinados á rehabilitación de vivendas públicas (propiedade do IGVS, concellos e outros promotores públicos) en materia de eficiencia enerxética, co emprego de fondos FEDER.

No apartado de vivenda de promoción pública xa se citaron as obras de rehabilitación nos cascos históricos de Betanzos, Ourense e Lugo (Tinería), por importe de 0,8 millóns de euros.

Áreas de Rehabilitación
En Galicia hai actualmente declaradas 66 Áreas de Rehabilitación Integral que se emprazan en 38 concellos. Ademais existe a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago que comprende 107 concellos, dos que 17 deles xa teñen declarada outra Area de rehabilitación no seu termo municipal. Deste xeito, en Galicia hai 128 concellos que teñen dentro do seu ámbito territorial unha área de rehabilitación integral declarada, isto é, o 40,76% dos concellos galegos.

O orzamento de 2016 inclúe un total de preto de 9 M/€ para Áreas de Rehabilitación. Dentro desta contía inclúense 0,5 M/€ para unha nova convocatoria de axudas na ARI dos Camiños de Santiago, xestionada polo propio IGVS.

Ademais haberá 0,58 millóns de euros para axudas á rede de oficinas de rehabilitación, que dean apoio e soporte técnico aos concellos de menor entidade.

Consorcio Casco Vello de Vigo
O consorcio é unha entidade interadministrativa na que participan a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo co 90% do capital. Actualmente leva adquiridos 69 edificios, dos que 36 xa están rehabilitados o que permitiu poñer no mercado 21 locais e 81 vivendas.

No vindeiro exercicio o investimento do Consorcio será de preto de 2 millóns de euros para a rehabilitación de catro inmobles e a adquisición de outros dous. A achega do IGVS será de 0,2 millóns de euros.

As axudas para a implantación do informe de avaliación dos edificios acadarán en 2016 un total de 2,1 millóns de euros.

Solo residencial
A principal actuación de solo residencial para o 2016 corresponde ao inicio da execución das últimas fases do Plan Parcial de de San Paio de Navia, en Vigo, onde se poderán construír 1.793 vivendas protexidas. Destinaranse 2,8 millóns de euros á adquisición de solo, redacción de proxectos e licitación das obras do primeiro polígono da ampliación. Tamén se destinarán 500.000 euros á mellora da urbanización xa executada.

Na Coruña continuarase co desenvolvemento do Parque Ofimático, co investimento de 3,75 millóns de euros por parte de Xestur. No solo público do Ofimático poderán construirse un total de 1.026 vivendas protexidas.

Solo empresarial
O orzamento do IGVS e de Xestur para 2016 inclúe 22,1 millóns de euros  para solo empresarial, destinado fundamentalmente á Plataforma Loxístico-Empresarial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), na que continuarán as obras da primeira fase dos servizos xerais, xa iniciadas. Iniciaranse as obras da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) e ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) así como as obras de urbanización da zona Loxística-Empresarial. Tamén se iniciará a comercialización do solo. En total destinaranse á PLISAN 12,9 millóns de euros.

Ademais en Monforte de Lemos construirase a plataforma ferroviaria do Porto Seco, dotada con 0,3 millóns de euros.

Tamén se contempla a rotonda de acceso ao parque empresarial de Pazos, en Verín, dotada con 0,3 millóns de euros.

Realizaranse tamén obras de remates en diferentes parques empresariais coma o Porto Seco de Monforte ou os parques empresariais de Pazos (Verín), Morás (Arteixo), A Sionlla (Santiago de Compostela).

No hay comentarios:

Publicar un comentario