Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 28 de noviembre de 2015

Os concellos poderán expropiar espazo para a instalación de ascensores co fin de facilitar a accesibilidade das vivendas

 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuniuse co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga

  • Vázquez explica que esta modificación da Lei de Vivenda, recollida na Lei de Acompañamento dos Orzamentos, mellorará a calidade de vida de moitos galegos con mobilidade reducida
  • Trasladou tamén que o Plan de modernización das concesións de transporte público de viaxeiros por estrada prevé o emprego de vehículos accesibles para acadar un parque móbil acorde ás demandas deste colectivo
  • A conselleira salienta a reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida nos aparcadoiros disuasorios de Moaña, A Coruña e Santiago


Os concellos poderán expropiar espazo para a instalación de ascensores co fin de facilitar a accesibilidade das vivendas. Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ao presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, Anxo Queiruga, na reunión de traballo que mantiveron 
Vázquez explicou que se trata dunha importante iniciativa recollida na Lei de Acompañamento dos Orzamentos a instancias da Fegamp. Engadiu que esta modificación na Lei de Vivenda favorecerá a accesibilidade e contribuirá a facer máis doada a vida de moitos galegos con mobilidade reducida.
A Xunta e COGAMI abordaron hoxe medidas para mellorar o día a día das persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade, concretamente mediante a optimización da accesibilidade nos eidos da vivenda e o transporte.
No que se refire á mobilidade, a conselleira destacou o Plan de modernización das concesións de transporte público de viaxeiros por estrada, que prevé a adaptación e implantación progresiva do emprego de vehículos accesibles. Con esta iniciativa preténdese acadar un parque móbil acorde ás demandas de desprazamento das persoas que ven minguada a súa mobilidade.
A titular de Infraestruturas tamén salientou a reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida nos aparcadoiros disuasorios construídos pola Xunta de Galicia en Moaña, A Coruña e Santiago.
Ethel Vázquez subliñou que a vontade do Goberno galego é continuar avanzando con paso firme nese obxectivo de incrementar a calidade de vida do citado colectivo. Neste sentido, manterase a vía do diálogo entre a Xunta e COGAMI para coordinar iniciativas de mellora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario