Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 24 de diciembre de 2015

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA O PROGRAMA “CONECTADAS 2016”



“Conectadas 2016”  é unha modificación radical do anterior programa “Pensa en Ti”, pasando, en palabras da Presidenta da Deputación de Pontevedra, “de contidos para a muller do século XVIII a un programa adaptado á sociedade do século XXI”

O programa, enmarcado na aposta prioritaria da institución provincial pola igualdade efectiva de mulleres e homes, está dotado de 321.433 € para o 2016
                    
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa “Conectadas 2016”. A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou que se trata “dunha modificación radical do anterior programa “Pensa en Ti” xa que nós, como mulleres comprometidas coa real igualdade, consideramos que non era adecuado ofertar cursos que non estaban adaptados a unha sociedade do século XXI"

“Conectadas 2016” promoverá, tal e como subliñou Silva, “que as mulleres reciban unha formación adecuada ós tempos actuais, que participen en actividades, que as empoderen, que lles dean recursos de todo tipo para poder enfrontarse mellor ó mundo”. Así, o programa ten por obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

As accións formativas deste programa, dunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. As mulleres terán preferencia, reservándose o 25% das prazas para homes agás no bloque “Súmate ó cambio” no que a participación pode ser mixta xa que se cubrirán as prazas ó 50%. Neste bloque de “Súmate ó cambio”, tal e como informou a Presidenta da Deputación, “a distribución das prazas é o 50% porque queremos impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado”. 

Mentres que no programa “Pensa en ti”, tal e como destacou Carmela Silva, “os bloques de contido eran artesanía, reparacións e bricolaxe, cociña, elaboracións artesanais, imaxe persoal ou música e baile, os que impulsaremos nós con “Conectadas 2016” son  oito totalmente diferentes ós que existían ata o de agora, son un concepto distinto de entender a formación que configuramos para as mulleres”. Así, os contidos que propón o novo programa son os seguintes:
·        Muller emprende: Iniciativas sostibles para o emprego. Neste bloque de contidos darase formación sobre crear unha empresa e deseñar un plan de negocio, community manager, e-commerce, asesoría laboral e fiscal e coaching.
·        Muller e cultura: Artes visuais. Este bloque temático abrangue cursos sobre edición de fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e animación á lectura e memoria.
·        Actualízate. Neste caso, trátase de alfabetizar dixitalmente ás mulleres, do papel ó ordenador, correo electrónico, manexo de tablet, smartphone e redes sociais (facebook, twitter, blogs, etc.).
·        Coas túas mans: Neste bloque de contidos darase formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais así como costura creativa.
·        Porque ti o fas:  Este bloque temático abrangue cursos sobre arte floral e ornamentación, poda e tarefas do campo dende a sostenibilidade, xardinería e horta ecolóxica.
·        Súmate ó cambio: Neste caso, trátase de cursos sobre cociña e alimentación (hábitos saudables), conservación de alimentos (conservas artesanais), cociña para menú diario, tapas, petiscos e canapés, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados e dependencia, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións no fogar, reciclaxe e medio ambiente e módulo de igualdade.
·        Ponte en forma: Neste bloque de contidos darase formación sobre pilates, tai-chi, ioga, ximnasia de mantemento, zumba e sendeirismo.
·        Coidados persoais e saúde: Este bloque temático abrangue cursos sobre menopausa saudable, coidar coidándonos, relación e manexo do estrés, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e taller de mindfulness.

                     O programa “Conectadas 2016”, para o que a Deputación de Pontevedra destina 321.433 € para o 2016, vai dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e a consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes. Estas organizacións deberán presentar as solicitudes, nun prazo de 30 días naturais contados ó seguinte da publicación no BOPPO, nos rexistros da Deputación. En total, a institución provincial oferta 267 prazas deste programa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario