Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 24 de diciembre de 2015

A DEPUTACIÓN REPARTE A SÚA COLLEITA DE KIWIS DE AREEIRO ENTRE ENTIDADES SOCIAIS DA PROVINCIA





Uns 3.000 usuarios de comedores, asilos, bancos de alimentos e asociacións benéficas recibirán máis dunha tonelada de froita este Nadal

No que vai de ano a Estación Fitopatolóxica xa distribuíu máis de dúas toneladas de froitas e hortalizas entre eses colectivos e outros 600 quilos a través das unidades didácticas para os colexios

A Deputación de Pontevedra fará chegar este Nadal a entidades sociais da provincia a colleita de kiwis da plantación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) dependente da Deputación. O centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo e a recollida deste ano foi aproximadamente dunha tonelada. A froita repartirase entre 26 entidades e colectivos que a distribuirán á súa vez entre máis de 3.000 usuarios.
O vicepresidente César Mosquera, responsable de Areeiro, destacou o traballo feito dende a EFA para a mellora e adaptación de diferentes cultivos en Galicia, así como o seu traballo didáctico e a colaboración con entidades sociais de axuda a xente con escasos recursos cos seus cultivos, "o que supón unha pequena achega, aínda que non solucione problema de fondo", dixo hoxe.
Areeiro comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 cando o cultivo se introduciu en Galicia. Entón a EFA realizaba investigacións sobre plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo, calidade da froita... Máis adiante xa se iniciaron ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos para a súa mellora. Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater unha bacteria que está reducindo as producións na provincia, con análises das plantas e das súas xemas.
Estas investigacións de Areeiro son fundamentais para as empresas da provincia, que concentran o 70% da produción galega. En Galicia hai actualmente 400 hectáreas de cultivo de kiwi, cunha colleita anual que chega ás 7.000 toneladas -das 12.000 que se producen en todo o estado-. 
A Deputación decidiu que a froita que se produce nas súas plantacións, que cumpre tódalas garantías sanitarias e estándares de calidade, non tivese saída para a venda, senón que fose doada a entidades sen ánimo de lucro. Así se fai tamén con outro tipo de tipos de produtos da finca de Lourizán. No que vai de ano, de feito, Areeiro tamén repartiu 1.600 quilos de tomate, 200 quilos de feixoas, 60 quilos de peras, 53 quilos de mirabeles ou 15 de pementos, ademais de menores cantidades de limóns ou uvas.
Os kiwis que se están a repartir no día de hoxe dende a EFA foron recollidos o mes pasado e están agora no mellor momento para comer, xa que precisan de bastante tempo para que maduren correctamente. Os colectivos aos que van dirixidos son comedores sociais como o de San Francisco, sociedades como San Vicente de Paúl, parroquias, bancos de alimentos, residencias de anciáns ou colectivos de acción solidaria, todos eles indicados dende o departamento provincial de Cohesión Social e Xuventude. Hai entidades tanto de Pontevedra e Vigo como de Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Tui, Lalín, Ponteareas, Marín, Cangas, A Guarda, Tomiño e Salvaterra.

Unidades didácticas
Ademáis das doazóns de froita ás entidades sociais, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro tamén cede parte das súas colleitas aos centros educativos da provincia. Así ocorre coas froitas de outono e tamén en primavera, xa que hai unha unidade didáctica específica para que rapazas e rapaces coñezan as feixoas, as guaiabas fresa e os kiwiños, que non son moi habituales nas froiterías, e saboreen tamén castañas e noces. En canto a primaveira e verán trabállase coas plantacións de mirabeles, frambuesas, arándanos, grosellas e amorodos .
Mediante esas unidades didácticas os profesores aprenden aos rapaces as características de cada froito e despois fan unha ficha unha vez teñen probado e coñecido persoalmente a froita.
Este ano repartíronse dende Areeiro 580 quilos de feixoas e 31 de guaiabas fresa e menores cantidades de outras froitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario