Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 24 de diciembre de 2015

A XUNTA destinará o vindeiro ano 3,2 MILLÓNS DE EUROS Á REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NOS SETE CAMIÑOS DE SANTIAGO





§         O Goberno galego publicará este mes a orde reguladora das axudas do programa ‘Vivendas do Camiño’, que estará en vigor, polo menos, ata 2020
§         Con esta medida preténdese contribuír á recuperación do patrimonio construído en Galicia, poñendo en valor as rutas xacobeas e dinamizando xeográfica e economicamente os lugares polos cales pasa, maioritariamente rurais
§         Os solicitantes poderán financiar con cargo a estas axudas ata o 35 por cento do orzamento das obras de rehabilitación, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda
§         O programa inclúe unha partida de 500.000 euros para a adecuación de infravivendas situadas no rural
§         Realizarase unha campaña informativa e divulgativa que percorrerá os 107 concellos integrados na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago
§         Estas subvencións permitirán restaurar vivendas situadas nun total de 498 parroquias galegas

A Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano 3,2 millóns de euros á rehabilitación de vivendas nos sete Camiños de Santiago, a través dunha orde que se publicará neste mesmo mes de decembro. Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que avaliou un informe sobre a posta en marcha do programa ‘Vivendas do Camiño’, unha medida recollida no Plan autonómico de vivenda 2015-2020, o Plan rehaVita.

Con este programa, o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular da Comunidade Autónoma, a través da recuperación do patrimonio construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país.

Así mesmo, o Goberno galego entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.

O programa será xestionado directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e das súas axudas pódense beneficiar as vivendas situadas en 498 parroquias dos 107 concellos polos cales transcorren as sete rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.

 
Os solicitantes destas axudas poderán financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento das obras de rehabilitación, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda.

Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas unicamente ás vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais poderán acollerse ás axudas todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na ruta.

As axudas poderán concederse ás persoas propietarias únicas de edificios ou vivendas, comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, e as actuacións subvencionables deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.

Este mesmo mes de decembro publicarase a orde coas bases reguladoras para acollerse ao financiamento do programa ‘Vivendas do Camiño’ e a comezos de 2016 publicarase a convocatoria das axudas.

A Orde pola que se rexerán as axudas de infravivenda rural, por importe de 500.000 euros, publicarase tamén en de 2016.

Campaña de difusión
Co obxectivo de estender a cultura da rehabilitación e levar a información das axudas a todos os potenciais beneficiarios delas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha ampla campaña de difusión delas nos 107 concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.

Con tal fin están previstas as seguintes actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das diferentes administracións implicadas.

A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia:

  • Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
  • Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense
  • Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela
  • Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
  • Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
  • Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
  • Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
  • Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela
 
Desde a declaración da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago rehabilitáronse nela 130 vivendas, cun investimento público próximo aos 900.000 euros. Estímase que as axudas que se destinarán o vindeiro ano a este programa permitirán rehabilitar no contorno 300 vivendas.

Desde 1996, ademais da Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago foron declaradas en Galicia outras 66 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias.

En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das ARIS máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e do Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARIS, e recibiron tamén axudas autonómicas e estatais para as ditas obras. A achegas da Xunta e do Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación xa mobilizou, desde a súa creación en 1996, un total de máis de 190 millóns de euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario