Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 24 de diciembre de 2015

'O APALPADOR' VISITA POIO E BARRO DENTRO DO PROGRAMA 'NADAL EN GALEGO'




'O Apalpador' estará nas rúas de Poio e Barro na mañá do mércores 23 de decembro
Dentro do mesmo programa, 'Os Quinquilláns' levan unha obra de teatro infantil a Pontecesures día 27
O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, presentou esta mañá en Poio as actuacións do programa 'Nadal en Galego' para a comarca de Pontevedra e Caldas, que contempla a chegada de 'O Apalpador' ás rúas de Poio e Barro o día 23, e a obra de teatro infantil 'Por que é salgada a auga do mar?' da compañía Os Quinquilláns á Casa da Cultura de Pontecesures o domingo 27.
Xosé Leal, que estivo acompañado polos alcaldes de Poio e Barro, Luciano Sobral e Xosé Manuel Fernández Abraldes, asegurou que "con estas actuacións queremos potenciar que a lingua estea presente na programación de Nadal dos concellos, sobre todo recuperando o Apalpador, que é unha figura moi nosa e moi galega". Xosé Leal salientou que "estas actuacións son un complemento á programación de Nadal dos concellos, na liña da nova Deputación baseada na colaboración e a cooperación a través de iniciativas conxuntas ".
Está previsto que 'O Apalpador' chegue a Barro ás 10:30 horas do vindeiro mércores, concretamente ao Pazo da Crega, e a Poio ás 12:00 horas do mesmo día, ao Parque da Memoria no recinto da Seca . En palabras de Xosé Leal "é unha actuación que ademais de poñer en valor aspectos relacionados coa lingua tamén promove a aposta pola sustentabilidade, polo medio natural e polos hábitos de vida saudables". Por último, tamén incidiu en que "se pretende, ademais, revitalizar o tecido do comercio local que é un aspecto moi importante a ter en conta nestas datas".
Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agradeceu "a nova forma de relacionarse cos Concellos por parte da Deputación que, a través da cooperación e da colaboración, nos está posibilitando ter un programa cultural nestas datas o máis completo posible para todo tipo de públicos". Abraldes anunciou que a visita do Apalpador se integrará no programa propio do Concello de Barro denominado 'Nadal no Pazo', posto que se celebrarán todas as actuación no Pazo da Crega, e asegurou que "estará fundamentado na nosa tradición, na nosa cultura e na nosa lingua".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, tamén fixo fincapé en que "esta colaboración vén a reforzar a nosas actividades propias no Nadal, e permitirá que todos os rapaces do concello e sobre todo de todos os colexios poidan gozar dun espectáculo baseado na nosa lingua e na nosa cultura". Tamén aproveitou a súa intervención para salientar que "debemos seguir nesta liña de interacción entre Deputación e concellos para que a nosa cultura se poida achegar mellor a todos os nosos veciños e veciñas".
Na mesma presentación, tamén se anunciou dentro do programa 'Nadal en Galego' a  representación da obra 'Por que é salgada a auga do mar'? da man da compañía especializada en teatro infantil Os Quinquilláns, na Casa da Cultura de Pontecesures, o domingo 27 ás 18:00 horas. Leal sinalou como elementos de referencia desta actuación "a dinamización da lingua, o fomento do coñecemento do medio natural e a participación da rapazada no propio espectáculo".
O Apalpador
Esta actuación está fundamentada na recuperación de valores medioambientais e de hábitos saudables. Trátase dun espectáculo musical que comezará cun pasarrúas pola vila no que o 'Apalpador' acompañado dun músico e dun burro fariñeiro, feito en madeira de bidueiro, convidarán aos nenos e nenas a subirse á súa montura por quendas e viaxar con eles. A 'viaxe' consistirá nun percorrido polas lendas da cultura das montañas, para coñecer os animais do bosque, os apeiros propios dunha casa, e a natureza propia de zonas como O Courel e Os Ancares. Para iso, despois do pasarrúas, visitarán unha exposición titulada 'A xanela do Courel' con fotografías e pegadas de animais do bosque feitas en arxila, como lobos, osos, raposos ou donicelas, e de utensilios e apeiros dunha casa da montaña, para que poidan coñecelos e familiarizarse con eles. O espectáculo remata cunha sesión de contacontos dirixido a todos os públicos, na que se tratará de promover o coidado da natureza, a necesidade de preservar o noso medio natural e de fomentar actitudes persoais baseadas en hábitos saudables e dietas sas.
É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con este personaxe e coñecer a súa historia. 'O Apalpador' representa unha figura mítica, que orixinariamente se representaba como un carboeiro de barba vermella e que segundo a tradición baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeron suficiente durante o ano e deixándolles a cambio agasallos e castañas, así como para desexarlles un novo ano cheo de felicidade e comida.
 Os Quinquilláns
‘Por que é salgada a auga do mar?’ é una obra da compañía especializada en teatro infantil Os Quinquilláns. Trátase dunha historia protagonizada por dous personaxes, a Tripulanta Rías Baixas e o Tripulante Norai, que discuten sobre a orixe salgada da auga do mar. Grazas a eles, os rapaces e rapazas coñecerán unha lenda tradicional e o fondo submariño, para o que serán dotados cun atrezzo básico por parte dos propios actores, para podelos acompañar polos percorridos que se lles propoñen. A obra xoga coa controversia entre as crenzas populares e os estudos científicos de xeito ameno e lúdico, e ten unha duración de preto dunha hora. Está dirixido a todos os públicos pero desde a compañía recoméndase que os cativos e cativas sexan maiores de 3 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario