Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 2 de enero de 2016

Problemas no bipartito do PSOE e BNG na Deputación: O futuro do goberno bipartito da Deputación, a 234 metros


234 metros é a distancia figurada que separa o Pazo Provincial na Avenida de Montero Ríos do edificio de Michelena, 30. É dicir, as sedes da Deputación e do Concello de Pontevedra. Segundo o vicepresidente da administración provincial e concelleiro pontevedrés, César Mosquera, esa separación é algo máis que física, tamén evidencia unha "sombra" que pesa sobre o futuro do goberno bipartito da Deputación.
Mosquera falou do pacto de goberno que mantén o Partido Socialista e o Bloque na Deputación de Pontevedra e asegura que non ten "total garantía" de que o goberno provincial "non vaia a ter problemas por causas externas".
Segundo explicou "moi dificilmente vaise a poder soster no tempo" este acordo xa que na Deputación hai un goberno "que está a funcionar sorprendentemente ben" mentres que a 234 metros, no Concello de Pontevedra "resulta que dúas forzas políticas que teñen un acordo a nivel nacional galego, para unha delas, o PSOE, a súa ilusión é sabotear o goberno de Pontevedra e ao nacionalismo na Deputación. Dificilmente vaise a poder soster", sentenciou.
E concluíu: "non sei por onde terá que saír pero por algún lado sairá".
CRÍTICAS AO BLOQUE
Nun almorzo informativo, Mosquera Lorenzo asegurou que os resultados do Bloque Nacionalista Galego nas pasadas eleccións xerais "foron buscados, non digo intencionadamente porque sería terrible, pero si por omisión ou por erros propios".
O portavoz do grupo provincial do Bloque recoñeceu "e non estou a dicir ningún segredo", que existen "unhas diferenzas bastante elevadas" entre o BNG de Pontevedra "e o que é o BNG a nivel nacional".
Neste sentido, o vicepresidente da Deputación desvelou que durante as pasadas eleccións municipais "houbo quen, adiantándose ao que despois pasou, pretendeu que o BNG non fose como tal BNG", unha decisión á que en Pontevedra "practicamente negámonos", un rexeitamento que supón "tería bastante peso á hora de ir como BNG Asembleas Abertas ao final".
César Mosquera insistiu en que discrepa "profundamente" con aqueles compañeiros que tratan de "botarlle a culpa ao empedrado" polo mal resultado obtido nos comicios xa que, ao seu xuízo, "estivo a traballarse con ahínco para Podemos" e por tanto "os veciños reaccionaron como era previsible que podían reaccionar".
"Estivo a traballarse con ahínco para Podemos", di Mosquera
O político nacionalista explicou que "loxicamente" houbo unha "dinámica intencionada" de tentar situar os comicios como unha elección "entre catro forzas estatais centradas en Madrid" co que o cidadán "se quere que o seu voto valla para algo ten que votar entre esas catro e os demais están en segunda fila".
E abundou sinalando que se unha formación política "está a negociar cun deles e ao final non vai con eles por un quítame alá non sei que", ao final "estamos a dicir: oia ese é o que vale".
Segundo César Mosquera no Bloque "dedicáronse a enredar" e por tanto "transmitimos unha mensaxe á sociedade de debilidade absoluta e de identificarnos cunha forza política das catro que xogaban en Madrid polo que ao final estabamos a pedir o voto para eles".
O vicepresidente pontevedrés cre que o BNG "sempre esta lendo mal o partido".
Agora, segundo incidiu César Mosquera, "hai que pensar no que se fixo mal e despois darlle unhas boas voltas e reformular", posto que o que necesita a formación nacionalista é, segundo o seu criterio, "frescura e claridade de formulacións", dixo, no convencemento de que "Galicia necesita unha forza nacionalista de verdade".
"O peor que lle pode pasar a unha forza política ou a un goberno é que non sexa previsible"
Así, César Mosquera sinalou como exemplo que o BNG no concello de Vigo foi "máis institucionalista que o retrato do rei do salón de plenos, pero tres meses despois somos os máis anti todo. Así estamos a despeitear a todo o mundo e soltando votos por todos lados".
"O peor que lle pode pasar a unha forza política ou a un goberno é que non sexa previsible", apostilou.
En ton de broma, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra comentou que o BNG é unha forza "tremendamente eficaz" porque "en Vigo empeñámonos en non sacar representación e conseguímolo, mentres que en Pontevedra o PSOE fixo o mesmo e non o conseguiu".

http://pontevedraviva.com/xeral/24951/cesar-mosquera-futuro-gobierno-bipartito-deputacion-pontevedra-bng-pacto-psoe/

No hay comentarios:

Publicar un comentario