Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 20 de febrero de 2016

CORES TOURÍS ANIMA ÁS EMPRESAS PONTEVEDRESAS A ACOLLERSE A NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA O AFORRO ENERXÉTICO





§         O delegado territorial recordou que este ano, a nova liña de subvención conta con 9,5 millóns de euros para a implantación de sistemas de xestión, mobilidade con combustibles alternativos, auditorías e proxectos de eficiencia enerxética
§         O ano pasado, acolléronse 39 empresas da provincia que conseguiron axudas por un total de 700.000 euros

O  delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, animou esta mañá as empresas da provincia de Pontevedra a acollerse a nova liña de axudas para o aforro e a eficiencia enerxética que contará cun montante global de 9,5 millóns de euros.

Cores Tourís destacou que esta liña está aberta ata o 29 de febreiro e que permitirá as empresas dos sectores industrial e de servizos a realización de auditorías enerxéticas, a implantación de sistemas de xestión, a mobilidade con combustibles alternativos e a posta en marcha de proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

A contía da liña de axudas deste ano aumentou en relación a 2015, pasando de 1,8 millóns de euros a 9,5. As axudas poden chegar ata os 200.000 euros por proxecto. Ademais, no caso das pequenas e medianas empresas, a porcentaxe increméntase un 10%, supoñendo o 40% do total.

O ano pasado, en Galicia acolléronse a estas axudas un total de 113 empresas, das cales 39 eran da provincia de Pontevedra, que obtiveron 700.000 euros, é dicir, case o 40% do montante total da liña de subvencións.
“As actuacións de eficiencia enerxética permiten diminuír custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente”, matizou Cores Tourís, quen destacou que segundo diversos estudos sectoriais realizados polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores coa posta en marcha de medidas de eficiencia ascende ata o 15% para o sector industrial, e ao 30% no sector servizos.
De feito, tal e como argumentou o delegado territorial, a Xunta de Galicia está na procura de incentivar a trans­formación da actividade industrial en Galicia cara a unha industria 4.0 que aumente a súa competitividade nun mercado global. Neste senso, o Inega establece este sistema de subvencións, com­plementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia Enerxética de Gali­cia 2015-2020 e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitivi­dade e o fomento do emprego. Estímase que o 90 % do crédito orzamentario se destinará ao sector industrial e o restante 10 % ao sector servizos.

“O obxectivo é dotar as industrias beneficiadas de programas capaces de reaxustar, de xeito sistemático, algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo”, engadiu pola súa banda o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. “Non podemos esquecer que a incorporación de aplicacións TIC e a sensorización industrial son instrumentos fundamentais para que as empresas acaden maiores graos de eficiencia na súa xestión”. Nesta liña, o programa promove de xeito específico a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético, no camiño cara á fábrica intelixente.
A Xunta de Galicia, continuará a apostar con esta mellor impulsando tamén  proxectos centrados na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo industrial; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables; ou a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a norma ISO 50.001. Ademais, apoiarase a realización de auditorías enerxéticas que analicen de forma integral o proceso produtivo da empresa e, no eido da mobilidade, a substitución de vehículos por outros máis eficientes que empreguen combustibles alternativos.
“Estes proxectos xerarán en Galicia un investimento conxunto de máis de 32 millóns no tecido produtivo, contribuíndo á adopción de medidas que permitirán acadar un aforro enerxético de case 11.000 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e un aforro económico de 10 millóns por exercicio”, rematou Rial, quen indicou que, ao mesmo tempo, se promoverán arredor de 430 empregos, o 60% deles directos, evitando a emisión á atmosfera de case 19.000 toneladas de CO2 ao ano.


No hay comentarios:

Publicar un comentario