Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 27 de febrero de 2016

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICOU ONTE O DECRETO POLO QUE SE REGULA O CENSO DE VIVENDAS BALEIRAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA




Entrará en vigor o día 26 de marzo e a partir de aí establecese o prazo para a inscrición



§  Este Decreto regulará a incorporación ao mercado das vivendas baleiras e promoverá a súa utilización na planificación das políticas sociais neste sector
§  Será obrigatorio o rexistro das vivendas baleiras propiedade de entidades financeiras, filiais inmobiliarias e entidades de xestión de activos cando se atopen en concello de máis de 10.000 habitantes
§  O incumprimento da obriga de inscrición conlevará unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado
§  Incorpórase a posibilidade de inscrición voluntaria para os inmobles desocupados propiedade dos concellos ou doutras administracións públicas
§  Tamén poderán inscribirse voluntariamente as vivendas baleiras propiedade de persoas e empresas en calquera municipio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicouonte o Decreto polo que se crea e se regula o funcionamento do Censo de Vivendas Baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxectivo incorporar ao mercado o parque de inmobles desocupados que son propiedade dos bancos e promover a súa utilización na planificación das políticas sociais de vivenda.

O censo permitirá dispoñer de información adecuada en relación co estado de ocupación do parque de vivendas de Galicia co obxecto de realizar a planificación social da política de vivenda por parte da Xunta de Galicia.

A inscrición das vivendas no censo será obrigatoria para todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, con independencia de onde se atope o domicilio social dos seus titulares.

O Decreto entrará en vigor o vindeiro día 26 de marzo e, desde entón, as entidades disporán dun prazo de seis meses para inscribir os inmobles que nese momento se atopen desocupados.

Para as vivendas que se rematen ou se baleiren con posterioridade á entrada en vigor do Decreto, establécese un prazo máximo de oito meses desde a obtención da licenza de primeira ocupación ou desocupación da vivenda polo remate dun contrato de alugueiro ou a compra da mesma.

O incumprimento da obriga de inscrición conlevará unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado.

No Censo de Vivendas Baleiras poderán inscribirse de maneira voluntaria o resto de vivendas baleiras da comunidade autónoma, sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas e independentemente do tamaño do concello onde se empracen.

Con respecto ao borrador do Decreto publicado hoxe, establécese a posibilidade de que se inscriban tamén de forma voluntaria as vivendas baleiras propiedade dos concellos e outras administracións públicas.

No caso de vivendas de inscrición voluntaria poderase solicitar en calquera momento.

A efectos do Censo, considéranse vivendas baleiras as que non sexan ocupadas polos seus propietarios ou non exista unha persoa usuaria que dispoña do correspondente título que lle dea dereito a súa ocupación.

Medidas
O Decreto inclúe as medidas que a Xunta de Galicia poderá adoptar para favorecer a ocupación das vivendas baleiras, que son:

1. A Xunta poderá impulsar a sinatura de acordos de colaboración co obxecto de destinar as vivendas inscritas no censo a atender a persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por desafiuzamentos por impago de rendas de aluguer.

2. Ademais, o Goberno galego poderá mediar entre as persoas propietarias das vivendas baleiras inscritas e as persoas demandantes de vivenda, coa fin de favorecer a súa ocupación, facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición. Para tal fin, as vivendas baleiras inscritas propiedade das entidades de crédito, e das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria e, sempre que se axusten aos prezos máximos establecidos para as vivendas protexidas, poderán ser ofertadas polo seu propietario á Xunta para a súa adxudicación a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en aluguer como en venda.

3. Así mesmo, co previo consentimento dos propietarios as vivendas inscritas no censo poderán ser utilizadas nos programas de fomento do aluguer que desenvolva a Xunta ou as administracións locais

No hay comentarios:

Publicar un comentario