Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

lunes, 11 de abril de 2016

A FIGURA DE VALLE-INCLÁN PERCORRERÁ GALICIA COA PROPOSTA ESCÉNICA ‘A MALETA DO MESTRE’, DA ESCOLA DE TEATRO VALLE-INNOVA



  • O proxecto, que inclúe catro montaxes, enmárcase nas iniciativas promovidas pola Fundación Valle-Inclán para celebrar o 150º aniversario do nacemento do escritor
  • A Xunta de Galicia en colaboración coas principais entidades vinculadas co dramaturgo promoven unha completa programación colectiva arredor desta efeméride que se prolongará ata 2017

A Escola de Teatro Valle-Innova levará a figura e a obra de Valle-Inclán polas catro provincias galegas coa iniciativa ‘A maleta do mestre’, un proxecto escénico conformado por catro montaxes teatrais que se representarán en diversos escenarios entre xullo de 2016 e outubro de 2017 e que teñen como eixo central o Valle-Inclán viaxeiro.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades promovidas pola Fundación Valle-Inclán, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, para celebrar o 150º aniversario do nacemento do dramaturgo galego. Os responsables das dúas institucións, José Juan Durán e Anxo Lorenzo, respectivamente, presentaron hoxe o programa da fundación, nunha rolda de prensa que tamén contou coa participación da secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ana Ortiz.

A proposta escénica ‘A maleta do mestre’ inclúe a performance ‘A viaxe marabillosa. Valle estético’, o espectáculo de teatro de rúa ‘Estacións valleinclanianas’, a obra teatral de corte clásico ‘Que os leve o vento’ e a visita guiada dramatizada ‘A ruta das verbas. O Salnés de Valle-Inclán’. Paradas de tren, portos e praias son algúns dos escenarios previstos para estes espectáculos, que chegarán desde o vindeiro 29 de abril aos concellos de Vilanova de Arousa, de Cambados, de Pontevedra, da Pobra do Caramiñal e de Santiago de Compostela, entre outros.

Edicións conmemorativas e un certame literario
A programación promovida pola fundación co apoio da Consellería de Cultura e Educación complétase con edicións conmemorativas e iniciativas no ámbito educativo. Deste xeito, sairá do prelo un novo número da colección da revista ‘Bradomín’, que lles dará voz a xoves estudosos da obra do escritor, así como a profesores e profesoras de ensino secundario –coa publicación de diversos traballos de investigación e divulgación sobre diferentes aspectos da figura e da creación literaria do autor.

Tamén verá a luz a publicación dunha obra na que Javier Serrano Alonso, profesor da Universidade de Compostela / Grupo de Investigación Valle-Inclán reúne a biografía do dramaturgo completada e actualizada e, co obxectivo de fomentar a creación literaria, porase en marcha o I Premio Fundación Valle-Inclán, dirixido ao alumnado de educación secundaria dos municipios valleinclanianos.

Para coñecer máis do creador do esperpento
Un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, conforman o extenso programa de actividades que se desenvolverán en Galicia ao longo deste ano e mais do que vén con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta Ramón María del Valle-Inclán.

Trátase dunha completa programación colectiva promovida pola Xunta en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación  Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

A programación completa está accesible en www.cultura.gal

No hay comentarios:

Publicar un comentario