Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 3 de abril de 2016

O CATÁLOGO DE LIBROS INFANTÍS E XUVENÍS DE GALICIA 2016 DIFUNDE A PRODUCIÓN GALEGA MÁIS RECENTE PARA OS LECTORES NOVOS



§         Con máis de 100 títulos, a obra permítelles a escritores, ilustradores e editores dar a coñecer o seu traballo en Galicia e nos encontros internacionais do libro
§         Coincidindo coa véspera do Día do Libro Infantil e Xuvenil, a Secretaría Xeral de Cultura e Gálix presentaron hoxe a publicación, que se distribuirá a próxima semana na Feira Internacional do Libro de Boloña

O ‘Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia 2016’ difunde a produción galega máis recente para as lectoras e os lectores novos, cun total de 110 títulos publicados no último ano por máis de 20 editoriais. Destinado á presentación comercial do libro galego en Galicia e, principalmente, no exterior, a Secretaría Xeral de Cultura edita esta obra coa coordinación editorial da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, e co apoio da Asociación Galega de Editores (AGE).

A edición trilingüe do catálogo en galego, castelán e inglés permítelles a escritores, ilustradores e editores contar cun material de presentación para a promoción dos seus libros nos encontros internacionais, principalmente na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, onde será distribuído a próxima semana. Coincidindo coa véspera do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a presentación en Galicia tivo lugar esta mañá na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo; e da directora da biblioteca Pilar Rodríguez.

O escaparate máis completo da literatura infantil e xuvenil
“Este catálogo ofrécenos o escaparate anual máis completo da literatura infantil e xuvenil de Galicia”, afirmou Anxo Lorenzo, da que destacou a súa riqueza e a calidade creativa dos escritores e ilustradores galegos, xunto co coidado no traballo de edición, “o que favorece a súa colocación no mercado internacional”.

Cunha tiraxe de 300 exemplares e unha ampla difusión dixital a través da web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal, o catálogo nace co obxectivo, segundo explicou, de lles ofrecer aos axentes do sector do libro que traballan para o público máis novo unha ferramenta de utilidade para divulgaren o seu traballo en Galicia e, sobre todo, fóra, “xa que a obra está enfocada maioritariamente á súa distribución na Feira do Libro de Boloña, o referente profesional en todo o mundo da edición infantil e xuvenil”.

O sector editorial galego na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña
Un ano máis, o sector editorial galego volverá participar na Feira do Libro de Boloña, que se celebra na cidade italiana do día 4 ao 7 de abril. Un total de 16 editoriais galegas estarán representadas na cita de referencia do libro infantil e xuvenil, onde exhibirán a súa produción Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, KNS, Editorial Galaxia, Linteo, Edicións Embora, Alvarellos Editora, Bolanda, Edicións do Cumio, Bululú, Primerapersona, MCSports, Urco Editora, Nova Galicia Edicións, Sotelo Blanco e Kalandraka. As cinco últimas, ademais, tamén se desprazarán á feira, que contará cun stand de Galicia.

Tamén estará representada a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que este ano convidou a autora viguesa Almudena Aparicio Andión para dar a coñecer o seu traballo e a ilustración galega nesta cita internacional, a través de diversas iniciativas.

Co apoio da Xunta de Galicia e en coordinación coa AGE, o sector editorial galego participará este ano nas feiras internacionais do libro de Buenos Aires, do 21 abril ao 9 de maio –onde Santiago de Compostela será a cidade convidada– na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 4 ao 7 deste mes de abril; na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt, do 19 ao 23 de outubro; e mais na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, que se realizará a finais deste ano, do 26 de novembro ao 4 de decembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario