Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 8 de abril de 2016

ROMÁN RODRÍGUEZ CONVIDA A VISITAR A FEIRA DO LIBRO DE PONTEVEDRA, A PRIMEIRA DAS 14 QUE PERCORRERÁN GALICIA ATA FINAIS DE AGOSTO



§         O conselleiro de Cultura e Educación salientou a importancia destas citas para o fomento da lectura e a dinamización do consumo de publicacións
§         O programa, que este ano está dedicado á figura de Manuel María, desenvolverase tamén en Ferrol, Santiago, O Porriño, Lugo, Ourense, Redondela, Ribeira, Vigo, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte

Esta tarde botou a andar en Pontevedra a cuarta edición da Feira do Libro, unha cita anual que se circunscribe na programación de Feiras do Libro Novo de Galicia, que percorrerán 14 localidades ata finais de agosto.

Con motivo da súa apertura, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aproveitou para convidar a todos os públicos a visitar os stands da Feira, un lugar de encontro que favorece o contacto “coa xente, cos libros, coa lectura, cos autores e autoras e cos libreiros e libreiras da nosa comunidade”. O conselleiro salientou tamén a importancia destas citas para fomentar a lectura e dinamizar o sector mediante o incremento de venda de libros.

As Feiras do Libro de Galicia preséntanse este ano baixo o lema “A patria na palabra”, en lembranza do poeta Manuel María –a quen se o Día das Letras Galegas 2017-. Por iso, ademais das novidades editoriais, os libros de Manuel María cobrarán un protagonismo especial, xunto con unha ampla programación de actividades pensadas tanto para pequenos como para maiores e que van desde presentacións de obras, ata contacontos, espectáculos musicais e obradoiros entre outros.

Na súa intervención, o conselleiro quixo agradecer a colaboración da Federación de Libreiros de Galicia e o esforzo dos profesionais do libro por, un ano máis, facer posible a celebración deste encontro da cidadanía co coñecemento e coa literatura.

Ata o vindeiro domingo, día 10, todos os interesados poderán achegarse ao Paseo da Ferrería, para visitar os stands ou ben participar nas preto de 30 actividades que se desenvolverán ao longo destes días e que contan coa presenza de oito librarías. Nesta ocasión tamén volverá saír á rúa a Biblioteca Nodal Antonio Odriozola, que estará na feira para dar a coñecer a súa colección e os seus servizos.

Un percorrido por 14 concellos
Coa incorporación por primeira vez este ano do Porriño e Redondela, as Feiras do Libro Novo de Galicia amplían a súa programación a un total de 14 localidades. Na cidade do Lérez, as Feiras do Libro de Galicia 2016 permanecerán ata o próximo domingo, día 10 de abril. A continuación, percorrerán o concello de Ferrol, do 20 ao 24 de abril; a capital de Galicia, do 30 de abril ao 8 de maio; o municipio do Porriño, onde se desenvolverán do 12 ao 15 de maio; a cidade de Lugo, entre o 17 de maio, Día das Letras de Galegas, e o 22 dese mes; o concello de Ourense, do 3 ao 8 de xuño; e a vila de Redondela, a partir do 16 de xuño e ata o 19 dese mes. Xa no verán, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os municipios de Ribeira, do 23 ao 26 de xuño; Vigo, do 1 ao 10 de xullo; e Rianxo, entre o 21 e o 24 de xullo; e pecharán a edición de 2016, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 12 ao 15; en Foz, entre o 18 e o 21; e, finalmente, en Monforte, do día 24 ao 27.

As Feiras do Libro Antigo e de Ocasión
A programación de espazos na rúa para lle dar visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega complétase coas Feiras de Libro Antigo e de Ocasión, do mes de maio ao de setembro, que se organizarán nas cidades de Santiago (do 14 ao 29 de maio), Lugo (do 2 ao 17 de xullo), Vigo (do 23 de xullo ao 7 de agosto), A Coruña (do 14 ao 28 de agosto) e Ourense (do 3 ao 18 de setembro).

Buenos Aires, o eixo central da proxección exterior en 2016
O eixo central deste ano para a proxección exterior do sector será a Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que terá como cidade convidada, na súa cuadraxésima segunda edición, a capital de Galicia. Arredor de 150 actividades están programadas para esta Feira, na que Galicia contará cun stand de 200 metros cadrados coordinado polo Goberno galego, no que tamén estarán representados o Concello de Santiago e mais a Asociación Galega de Editores.

Neste ano Galicia e o seu sector editorial estarán representados, ademais de en Buenos Aires, do 21 abril ao 9 de maio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 4 ao 7 deste mes de abril; na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt, do 19 ao 23 de outubro; e mais na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, que se realizará a finais deste ano, do 26 de novembro ao 4 de decembro.

Nas feiras internacionais, as editoriais galegas contan cun stand institucional da Xunta de Galicia para a visibilidade das súas publicacións e imaxe, distribución de materiais promocionais, atención ao público, así como para o desenvolvemento de reunións que favorezan a actividade comercial das empresas do sector.

No hay comentarios:

Publicar un comentario