Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 13 de mayo de 2016

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica comeza unha rolda de visitas ás provincias galegas para presentar as axudas do Bono Concilia


  • Amparo González deu sendas roldas de prensa en Pontevedra e Vigo nas que explico que a axuda consistirá nunha cantidade mensual que irá desde os 45 euros aos 250 euros, para contribuír ao pago do importe da praza nunha escola infantil non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses
  • O prazo para a presentación de solicitudes de axuda remata o día 30 de maio
  • O Bono concilia insírese nunha planificación ampla, o Programa de apoio á natalidade, que abrangue principalmente tres ámbitos: axudas, fomento da conciliación e servizos

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, comezou esta mañá en Pontevedra e Vigo unha rolda de visitas ás catro provincias galegas para dar a coñecer as principais novidades do Bono Concilia. Na rolda de prensa da cidade do Lérez, tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Dentro das principais novidades da convocatoria deste ano destaca a posibilidade de concesión do Bono concilia ás persoas solicitantes que obtiveran unha praza pública e o horario demandado non coincide co de apertura da escola infantil porque ambos proxenitores traballan en quendas de tarde ou en quendas rotativas; a posibilidade de que aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas 0-3 sostidas con fondos públicos poidan presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde cando nelas se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade a finalización do dito prazo; así como a promoción do dereito á escolarización de irmáns ou irmás no mesmo centro xa que as familias que teñan un fillo ou filla que renova a axuda e á súa vez obteñan praza pública para un irmán (tendo marcada a opción do Bono concilia) daráselles directamente a posibilidade de optar ao dito bono para que poidan escolarizar a todos os fillos no mesmo centro.
O obxectivo do Bono concilia é ampliar a oferta de prazas sostidas con fondos públicos para nenos e nenas menores de tres anos. Así, a directora xeral salientou a importancia desta medida que “pretende chegar a moitas máis familias xa que este ano conta cun orzamento de preto de 3.500.000 euros, o que representa un incremento de máis do 105% con respecto ao orzamento do ano 2015”. Un incremento que contribuirá á eliminación da lista de agarda para a obtención de praza nunha escola infantil de 0 a 3 anos.
Na rolda de prensa, Amparo González informou que a axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pago do importe da praza nunha escola infantil non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses. A contía da axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, da xornada e dos servizos que se soliciten. Estas contías oscilarán entre 250 euros mensuais para a unha praza en réxime xornada completa con servizo de comedor para as rendas máis baixas, e 45 euros mensuais para as máis altas.
A directora xeral explicou que poden ser beneficiarias das axudas do Bono concilia as familias, residentes en Galicia, con fillos e fillas de menores de 3 anos a 31 de decembro do presente ano que teñan solicitado praza nunha escola infantil sostida con fondos públicos para o curso 2016-2017 exercendo a opción do Bono concilia e estean nunha das situacións seguintes: quedar en lista de espera, obter praza pero que o horario demandado non coincida coa apertura da escola infantil, porque ambos proxenitores traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas; obter praza e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida; ou terse beneficiado da axuda do programa Cheque infantil no curso 2015-2016 e solicitar a súa renovación ao abeiro da orde do Bono concilia; ou residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
O prazo para de presentación de solicitudes de remata o vindeiro día 30 de maio. Unha vez notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para presentar na xefatura territorial da Consellería de Política Social o xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou o neno e a declaración de ter percibido ou non outras axudas para este mesmo fin.
A directora xeral engadiu que no curso 2016-2017 as escolas infantís galegas contarán con máis de 22.300 prazas. Ademais destacou a posta en marcha para o vindeiro curso dun mínimo de 7 escolas infantís situadas en diferentes polígonos industriais. Todas elas medidas que dan un paso máis en prol da conciliación da vida familiar e laboral.
Programa de apoio á natalidade
O Bono concilia insírese nunha planificación ampla, o Programa de apoio á natalidade, que abrangue principalmente tres ámbitos: axudas, fomento da conciliación e servizos. O PAN recolle medidas inspiradas noutros países da UE (Francia, Noruega, Suecia ou Alemaña) que levaron a cabo con éxito políticas sociais de apoio ás familias.
Unha das medidas estrela deste programa é a Tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro cargada con 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida dos nenos e nenas para que as familias poidan afrontar os gastos básicos dos seus fillos. Esta medida, subliñou a directora xeral, “xa está a ter o seu efecto na sociedade con máis de 4.000 solicitudes e preto de 2.000 concesións”.
Cómpre destacar outras medidas de dinamización demográfica como as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos, o incremento das prazas na rede pública de escolas infantís, a posta en marcha das Casas Niño no rural aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión deste xoves, o bono coidado, ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario