Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 17 de mayo de 2016

A Masía da música que está no rural e reborda de xente nova


Do medio cento de alumnos da banda de Barro a gran maioría son mozos e meniños; hai tantos que contan cunha sección infantil 
 
«¿Como non van estar contentas as miñas fillas en Barro podendo ir tocar nunha banda de música como a que temos, que é un exemplo, unha auténtica marabilla para os nenos?». Esa frase pronunciaba hai uns días un pai chamado José Manuel, que ten dúas fillas. O home, ao preguntarlle que lle ofrece o municipio no que vive as súas pequenas, insistía unha e outra vez en falar da Banda Xuvenil de Barro (BXB). E aludía a que esta formación exporta talento musical «a moitas outras, hai rapaces triunfando polo mundo adiante». Con semellante publicidade, facíase necesario coñecer esa agrupación e comprobar que o de José Manuel non fose unha esaxeración froito da paixón de pai e veciño de Barro. ¿Que hai de certo? Todo. Realmente, trátase dunha rara avis; unha agrupación a punto de cumprir as vodas de prata que, malia estar no rural non sofre a falta de cativos. Todo o contrario, ten leña verde de sobra e ben sustenta o alcume de Masía da música no rural galego.
A historia da BXB pode contarse de moitas maneiras. Poderían glosarse os moitos premios que levou, os duros que foron os inicios, cando o esforzo dun grupo de pais lograron poñela en marcha ou numerar os músicos célebres que foi parindo ano tras ano... Pero hai unha forma especialmente emotiva de contala. É a través dos ollos de Adrián Silva. El, que agora ten 32 anos e segue sendo músico da banda, recorda ben os comezos: «Eu penso que foi polo ano 1990 cando os pais empezaron coa idea da banda xuvenil. Realmente logo empezou todo cando eu tiña seis anos. Estivemos traballando moito tempo ata o primeiro concerto, que foi o 25 de decembro de 1992. Lembro ese día polos nervios que pasamos, estabamos todos moi pendentes de que todo saíra ben. Eu tiña soamente oito anos».

12 incorporacións de cativos
Adrián non recorda que tocaron, supón que sería algunha panxoliña por tratarse dun concerto de Nadal, pero aínda é capaz de sentir a ilusión de aquel neno que por primeira vez tocaba a frauta para un público entregado. «Viñeron moitísimos pais, foi marabilloso», di el. Adrián medrou coa banda e a banda medrou con el, xa que é un dos alumnos avantaxados -actualmente toca na Banda Municipal da Coruña pero segue tamén na formación de Barro e no seu currículo, entre outros moitos logros- está tamén o paso pola formación internacional de Estados Unidos-. Agora, el é o número máis veterano da banda. O único que queda en activo en Barro daquela primeira fornada de músicos.
Tendo en conta que a súa xeración colleu voo, podería pensarse que a banda esmoreceu. Pero aí está o atípico do caso. Se no ano 1992, cando a pirámide demográfica aínda non debuxaba unha Galicia tan vella como agora, na banda de Barro había trinta compoñentes, case todos mozos e nenos, agora son cincuenta. E a media de idade, se cabe, é máis nova aínda ca antes. Basta dicir que o músico máis cativo ten soamente 9 anos, que o máis entrado en anos non chega aos 50 e que incluso hai unha sección infantil e unha área na que se ensina música a meniños de tres anos. Nesta última, acaba de entrar un grupo dunha ducia de nenos. Polo tanto, o futuro parece, como mínimo, blindado.
¿Cal é a clave? Manuel Fariña, director da escola de música de Barro, dá unha pista importante: «Traballamos con moito cariño», di el cun sorriso. Logo, recoñece que a historia que ten detrás a banda axuda, os premios acadados tamén e o feito de ser unha entidade dinámica nun concello rural é fundamental. Se se lle pregunta aos pais dos músicos, como o caso de José Manuel, falan de que o importante é que logra sacar o mellor dos meniños e enganchalos á música dende ben pequenos. Para iso, para que non se aburran entre partituras e solfexo, toca variar moito de repertorio e dar animadas clases. Recentemente, fixeron un concerto no que xuntaron pezas de compositores xaponeses con outras compostas na península ibérica. E, hoxe, miran ás Letras Galegas cun recital -ás oito da tarde no pazo da Crega- de nome fermoso: Noite de amor con Lela. Haberá letra galega pero, sobre todo, música. Moita música, pequenos mestres. 

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2016/05/17/span-langgl-masia-da-musica-spanspan-langgl-rural-reborda-xente-nova-span/0003_201605P17C12993.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario