Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

sábado, 14 de mayo de 2016

CORES TOURÍS DESTACOU A LABOR DO SERVIZO DE CONSUMO DE PONTEVEDRA QUE RECIBIU 6.332 RECLAMACIÓNS EN 2015





§         O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, insistiu na importancia deste departamento para resolvelos conflictos dos consumidores,
§         Con este fin o Colexio Arbitral de Consumo de Pontevedra emitiu 755 laudos para finalizar denuncias de consumidores contra empresarios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a labor que está a desempeñar o Servizo de Consumo de Pontevedra que, ao longo do pasado ano, recibiu 6.332 reclamacións e denuncias.

Cores Tourís recordou que o Instituto Galego de Consumo é un organismo autónomo de carácter administrativo pertencente á Consellería de Economía, Emprego e Industria. “A súa función principal é a de velar pola protección dos dereitos dos consumidores e usuarios galegos, realizando actuacións de intervención no mercado co fin de melloralo e garantir os dereitos e intereses económicos dos mesmos”, engadiu.

Con este propósito, existen dúas oficinas na provincia de Pontevedra, unha delas situadas na capital e outra en Vigo. “Debe destacarse que os servizos que os consumidores demandaron nos últimos anos non só aumentaron en canto a número de solicitudes, senón tamén en relación a complexidade das mesmas”, matizou o delegado territorial, quen deixou claro que esto supuxo que a estrutura do organismo conte con profesionais cada vez máis cualificados “para poder facer fronte aos grandes retos demandados polos usuarios”.

Os eixes fundamentais de actuación do Servizo de Consumo xiran arredor da resolución de conflitos presentados polos consumidores así como do control do mercado. Os cidadáns poden así presentar consultas ou reclamacións. “No 2015, o servizo recibiu 6.332 destas demandas, principalmente relacionados coas telecomunicacións, seguido de problemas co subministro eléctrico e gas”, engadiu Cores Tourís, quen aproveitou para agradecer a colaboración dos concellos “que contan tamén coas súas oficinas de atención ao consumidor”.

Para solucionar os problemas dos consumidores existen tres vías: a mediación, o sistema arbitral de consumo e a tramitación de expedientes sancionadores. “Recordar que o sistema arbitral de consumo é totalmente gratuíto e permite resolver reclamacións sempre que o conflito non verse sobre intoxicacións, lesións ou mortes”, explicou o delegado territorial, quen recordou que existen 11.698 empresas adheridas a este sistema na actualidade e que ao longo de 2015, o Colexio Arbitral de Consumo de Pontevedra emitiu 755 laudos.

Ademais, tamén se encarga da protección da seguridade e saúde dos consumidores, para o que pon en marcha campañas de tomas de mostras ou intercambio rápido de información, para o cal todos os días se sae en busca dos produtos denunciados e, deste xeito, de ser localizados, proceder á retirada dos mesmos.

Para a realización de todas as tarefas relacionadas coa protección dos consumidores, o Servizo de Consumo de Pontevedra conta cun corpo de inspectores de Consumo que se dedican a vixiar, verificar e constatar o cumprimento da normativa que afecte aos dereitos dos cidadáns, así como investigar e comprobar os feitos postos en coñecemento da administración en relación a presuntas infraccións ou irregularidades.

Os inspectores tamén informan as empresas, realizan actuacións de mediación, preparan campañas de inspección e executan as accións derivadas do sistema de intercambio rápido de información relativo á seguridade dos produtos industriais.

Os consumidores poden realizar as súas consultas presencialmente en calquera das oficinas de Pontevedra o Vigo, ou ben telefónicamente, a través do número gratuíto 900231123.


SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA EN PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario