Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 6 de mayo de 2016

O CONSELLEIRO DE SANIDADE DOA SANGUE E SALIENTA O MANTEMENTO DA TAXA DE DOAZÓN EN GALICIA DENTRO DOS NIVEIS RECOMENDADOS POLA ORGANIZACIÓN MUNDIAL DA SAÚDE

 


  • Jesús Vázquez Almuiña agradeceu as 111.250 as doazóns de sangue recollidas no pasado ano 2015

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue esta mañá nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López García.

O conselleiro de Sanidade lembrou o carácter xeneroso e solidario dos cidadáns galegos e cifrou en 111.250 doazóns de sangue as recollidas no pasado 2015, unha cifra practicamente idéntica á rexistrada no 2014 (ano que contabilizou 111.255 doazóns).

Non obstante, a cifra de doazóns do ano 2015 supón que Galicia incremente nun punto a súa taxa de doazón, con 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra situada dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Vázquez Almuiña explicou que este incremento ven motivado polo descenso no número de cidadáns empadroados en Galicia, xa que a taxa de doazón calcúlase en función do padrón de cada municipio.

Reforzar o chamamento
O conselleiro de Sanidade quixo por de manifesto a excelente evolución dos índices de doazón en Galicia a pesares de factores como o envellemento sociodemográfico e, neste sentido, salientou a necesidade de revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón.

Neste sentido, lembrou as facilidades existentes para doar, lembrando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG (o enlace http://ctg.sergas.es/Paxinas/web.aspx?tipo=paxtab&idLista=3&idContido=44&migtab=44 recolle os desprazamentos das unidades móbiles e os horarios dos locais de doazón) e convidou a todos os cidadáns a participar, alo menos, unha vez ao ano nas campañas de doazón de sangue.

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario