Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 29 de mayo de 2016

O XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN EN PONTEVEDRA DI QUE A PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN QUEDOU FORA DE XOGO E DESTACA “A RESPONSABILIDADE AMOSADA POLOS ALCALDES DA PROVINCIA”




O xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, César Pérez Ares, considera que as declaracións da presidenta da Deputación de Pontevedra sobre os convenios asinados cos alcaldes, “simplemente denotan unha pataleta de Carmela Silva que quedou fora de xogo ante a exemplar responsabilidade amosada polos alcaldes da provincia, con independencia da súa cor política”.

O representante da consellería lembrou que o pasado ano asinouse un convenio no que estaba involucrada a Deputación, para intervir na conservación e mantemento dos centros educativos da provincia. “Pero este ano –engadiu– a pesar de que se convidou ao organismo provincial, dende a Deputación desbotaron reeditar o convenio”. Nese sentido, Pérez Ares agradeceu aos alcaldes de toda a provincia que souberan estar a altura das circunstancias e amosasen pola mellora dos centros das súas localidades, en base ás súas necesidades, coñecidas e avaliadas pola unidade técnica da Xefatura Territorial.

Por último, o xefe territorial afirmou que “non se pode falar de favoritismo partidista, cando resulta que os concellos que máis fondos recibiron están rexidos polo BNG e o PSOE. Por iso agora, a súa titular busca unha escusa para agachar o seu exercicio de escapismo, poñendo o foco no caso do concello de Nigrán onde o investimento maior, que xa está previsto no RAM, e se vai a realizar, concéntrase no ensino secundario, concretamente en actuacións no IES Val Miñor, por riba dos 100.000 euros”.

César Pérez Ares lembrou igualmente que cos concellos de Vilagarcía e A Guarda, ámbolos dous socialistas, asináronse os dous únicos convenios de colaboración, a través dos cales Consellería e os respectivos concellos asumen cada un o 50% do custe da actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma do ximnasio, cunha achega de 170.000 euros da Consellería; mentres que no CEIP As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio, cunha achega da Xunta de 75.000 euros, sendo instalacións municipais de uso veciñal e docente.

Como se recordará, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica totalidade dos concellos da provincia –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– asinaron o pasado 5 de maio 58 protocolos e 2 convenios co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, nos que se inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado. Trátase, segundo apuntou Pérez Ares, de melloras que corresponden, na súa maioría, a obras menores que deberon ser executadas no seu día polos concellos dentro das súas competencias sobre o mantemento e coidado dos centros e que agora serán executadas, por urxentes, dentro deste convenio.

Estas actuacións beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, con independencia das cores políticas dos concellos e que poñían en valor a cooperación interadministrativa permitindo garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario