Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 12 de julio de 2016

AREEIO ALERTA DOS EFECTOS DO MILDEU E O ESCARAVELLO NA PATACA




Os técnicos sinalan a nova aparición de bolboretas de Cydalima Perspectalis nos buxos dos xardíns da provincia

En canto á viña, o Mildeu está a afectar ao 3% dos acios, e o Oidio está no momento de maior afectación

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación provincial, instaron hoxe a vixiar "moi ben" as plantacións de pataca por polas posibles infeccións por Mildeu e escaravello. Así mesmo, alertan de que no buxo empeza a haber de volta danos, de momento puntuais e nalgunhas zonas, por Cydalima perspectalis, a bolboreta que xa afectou os xardíns da provincia hai uns meses.

En canto á viña, desde a emisión do aviso anterior, os técnicos recibiron numerosas consultas acerca da aparición de síntomas severos de Mildeu en todas as comarcas. Con todo, na revisión desta semana a maioría das leiras ou non presentaba síntomas, ou apenas alcanzaban o 3% dos acios, cunha superficie afectada ao redor dun quinto do total. Si se comprobou que as parcelas do Condado presentan maior afectación. En xeral, segundo advertiron os especialistas, a situación máis desfavorable observouse en leiras que presentaron ata fai moi pouco ou presentan aínda un exceso de vexetación, tanto a nivel da propia planta como da vexetación adventicia, polo que se aconsella realizar traballos que faciliten a aireación dos acio (despuntes, desfollados, desbroces) que a día de hoxe son "imprescindibles".  Ademais, tamén se aconsella renovar os tratamentos (se non se fixo xa) confirmando sempre a eficacia das aplicacións por se fose necesario repetir a intervención.

Sobre o Oidio, os acios atópanse nun estado de desenvolvemento moi sensible ás infeccións, e as condicións ambientais que se rexistran tamén son favorables, sobre todo naquelas localizacións onde se están producindo néboas que manteñen unha humidade elevada e unha menor luminosidade. "Observamos un incremento significativo na sintomatoloxía en plantas testemuña sen tratamentos e nas parcelas historicamente sensibles, como a de Castrelo. Nas demais, ou non hai síntomas ou estes aparecen limitados a algúns grans. Por este motivo, recoméndase renovar o tratamento se non se realizou recentemente, nese caso é fundamental confirmar que freou a infección", sinala a técnico Rosa Pérez Otero.

Pataca e buxo
Os técnicos de Areeiro veñen de detectar a posibilidade de afeccións de Mildeu nas plantacións de pataca de toda a provincia. A humidade foliar nocturna que se está a rexistrar implica que se dan condicións favorables ás infeccións, polo que se debe manter a protección con tratamentos respectando o prazo de seguridade dos produtos utilizados en prantas próximas á colleita.

Por outra banda,  tamén se teñen detectado escaravellos en prantas que aínda están medrando e nas que estes defoliadores están a causar importantes danos. Tamén se recomenda actuar tendo en conta as condicións climáticas.

Por último, nalgunhas zonas, coménzanse a observar as primeiras larvas da segunda xeración da coñecida como bolboreta do buxo. Este fitófago xa causara graves danos nos setos de parte da provincia entre finais de abril e primeiros de maio, polo que é aconsellable incrementar a vixilancia e aplicar os tratamentos cando de observe a súa aparición.

Nota: Os medios que precisen máis información ou imáxenes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario