Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

miércoles, 27 de julio de 2016

O goberno da Xunta de Galicia acomete a ampliación de Montecelo



O titular da Xunta presidiu a sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Pontevedra polo que se establecen as bases para a execución das obras de ampliación do hospital que pasará a denominarse Gran Montecelo

FEIJÓO SUBLIÑA QUE COA AMPLIACIÓN DO HOSPITAL PÚBLICO DE MONTECELO EN PONTEVEDRA O MAPA SANITARIO DE GALICIA ESTÁ MÁIS PRETO DE ACADAR A SÚA COMPLETA RENOVACIÓN

§      Agradece a unión de esforzos para que se poida proceder canto antes á redacción e execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, que fixará os criterios urbanísticos para a ampliación deste hospital
§      Salienta que con esta ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio; haberá unha única porta de Urxencias; trátase dunha obra que non interferirá na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente se realizará a conexión; e aproveita a infraestrutura do actual Montecelo
§      Resalta que os terreos sobre os que se construirá esta ampliación abranguen unha extensión de máis de 46.000 m²; polo que, no seu conxunto, o novo hospital pasará a ocupar unha superficie superior aos 90.000 m²
§      Destaca o traballo dos profesionais do Sergas, que fan posible que este primeiro semestre de 2016 sexa o semestre cos mellores datos de listas de espera desde que hai rexistros: “Neste período, fixeron máis de 100.000 intervencións, o que supuxo baixar a demora media para unha intervención cirúrxica a 58 días e rebaixar en 5 días, pasando de 40 a 35, o tempo medio de espera para unha consulta”, di
§      Felicita especialmente aos traballadores da área de Pontevedra, “xa que semestre a semestre se confirma que o Hospital público de Pontevedra é un dos máis eficientes de todo o Servizo galego de Saúde”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que coa ampliación do Hospital público de Montecelo en Pontevedra o mapa sanitario de Galicia está máis preto de acadar a súa completa renovación.

Durante a sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Pontevedra polo que se establecen as bases para a execución das obras de ampliación do hospital, Feijóo aseverou que con esta premisa a Xunta construíu o hospital máis grande que fixo nunca o Servizo galego de Saúde, o Hospital Público de Vigo; ampliáronse as urxencias do CHUAC e, neste momento, estase a levar a cabo o equipamento do bloque cirúrxico completo; estase a rematar a ampliación do Hospital do Salnés; estase a levar a cabo a ampliación do Hospital da Mariña e entregarase aos cidadáns de Ourense un novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario de Ourense; estase a traballar para presentar o Plan director do Hospital de Ferrol e tamén a ampliación do Hospital de Conxo; renováronse 36 centros de saúde e estanse a licitar outros 10. 

O responsable do Executivo autonómico salientou que este proxecto de ampliación do Hospital público de Montecelo é froito do consenso e da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello. Non en van, nace do consenso en torno ao proxecto, ao contar coa aceptación maioritaria en todos os ámbitos sociais; do consenso en torno á planificación; e do consenso en torno á execución da obra.

Sobre este punto, Feijóo agradeceu a unión de esforzos para que se poida proceder canto antes á redacción e execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, que fixará os criterios urbanísticos para a ampliación deste hospital público, que pasará a chamarse Gran Montecelo; e para a dotación de infraestruturas e servizos necesarios para o seu óptimo funcionamento.

Unha ampliación demandada, merecida e necesaria
Feijóo incidiu en que se trata dunha ampliación que a área sanitaria de Pontevedra demandaba, e que os veciños de Pontevedra merecían. Pero que tamén esixía o propio funcionamento asistencial, xa que actualmente a atención hospitalaria préstase en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollabao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

“Polo tanto, estamos a falar dun proxecto de ampliación que achega moitas vantaxes, xa que os profesionais desenvolverán ou seu traballo nun único edificio; haberá unha única porta de Urxencias; trátase dunha obra que non interferirá na actividade asistencial do antigo edificio, co que, posteriormente se realizará a conexión; aproveita a infraestrutura do actual Montecelo; implica menos expropiacións e casas afectadas que co anterior proxecto e busca o maior consenso profesional, social e político”, abundou.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que o proxecto para a construción do Gran Montecelo consiste nunha ampliación do actual hospital cara ao sur. Os terreos sobre os que se construirá esta ampliación abranguen unha extensión de máis de 46.000 m²; polo que, no seu conxunto, o novo hospital pasará a ocupar unha superficie superior aos 90.000 m².

O plan previsto é que o novo inmoble estea unido ao resto das instalacións de Montecelo, e que nel estean centralizados servizos como: a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade.

A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, onde se aproveitarán os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas. E, no exterior, contará cun aparcadoiro libre en superficie e tamén cun aparcadoiro subterráneo baixo o edificio de nova construción.

Finalmente, cómpre sinalar que, segundo a planificación, tanto o Hospital Provincial como a Casa do Mar de Mollabao terán novos usos, que serán determinados durante a redacción do anteproxecto para a ampliación de Montecelo. Neste sentido afirmou que “o Hospital provincial terá que ter un novo uso sociosanitario”.

Se ben neste momento xa se está a traballar na avaliación das necesidades asistenciais, Feijóo subliñou que entre os compromisos que asume a Xunta figuran: realizar os trámites precisos para a aprobación deste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para así obter os terreos onde proceder á construción do inmoble; encargarse da construción das infraestruturas interiores, así como o seu mantemento e o das zonas verdes e espazos libres do recinto hospitalario; e, xunto con isto, tamén se incluirán as reservas de espazo dotacional en previsión de posibles futuras ampliacións de equipamentos.

Unha sanidade pública máis eficiente grazas ao traballo dos profesionais do Sergas
Feijóo concluíu a súa intervención destacando o traballo dos profesionais do Servizo galego de Saúde, que fan posible que este primeiro semestre de 2016 sexa o semestre cos mellores datos de listas de espera desde que hai rexistros. “Neste período, os profesionais do Sergas fixeron máis de 100.000 intervencións, o que supuxo baixar a demora media para unha intervención cirúrxica a 58 días –o mellor dato desde que hai rexistros- e rebaixar en 5 días, pasando de 40 a 35, o tempo medio de espera para unha consulta”.

Así mesmo, felicitou especialmente aos traballadores da área de Pontevedra, “xa que semestre a semestre se confirma que o Hospital público de Pontevedra é un dos máis eficientes de todo o Servizo galego de Saúde”, aseverou

No hay comentarios:

Publicar un comentario