Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 5 de agosto de 2016

AREEIRO ACONSELLA A “MÁXIMA PRECAUCIÓN” AO APLICAR FITOSANITARIOS ESTES DÍAS DE CALOR MÁIS EXTREMO





Os técnicos recomendan realizar os tratamentos a primeira hora da mañá ou última da tarde e non facer mesturas non contrastadas

O tempo seco está a provocar patoloxías na madeira da viña, debendo retirar os brazos secos ou marcar as prantas para actuar en inverno

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar no seu último aviso fitosanitario “precaución máxima” ao aplicar fitosanitarios na viña. Os técnicos aseguran que no caso de ser necesario realizar algunha aplicación estes días de clima máis extremo, débense tratar as plantas ao comezo da mañá ou final da tarde, non realizando mesturas non contrastadas e respectando sempre as doses da etiqueta, entre outras cuestións. Non traballar deste xeito, segundo indican, pode levar a danos nas plantas e no medio ambiente. Así mesmo, subliñan que é importante realizar adecuadamente as aplicacións de fitosanitarios co fin de coidar nosa propia saúde usando os equipos de protección apropiados.

Por outra parte, os técnicos alertan de que as condicións de estrés que están a sufrir as plantas co tempo seco, os ventos do Norte e a insolación reinantes están a provocar unha expresión manifesta de síntomas compatibles con patoloxías de madeira. Polo tanto, se se observan brazos illados completamente secos pódense eliminar gardando todas as precaucións pertinentes na poda. En caso contrario, débense marcar as plantas para actuar separadamente no inverno, sendo esta práctica especialmente aconsellable naquelas leiras onde a presenza de plantas sintomáticas se incrementa ano tras ano.

As condicións climáticas desta última semana non foron favorables para a propagación do Mildeu e apenas se rexistraron puntualmente condicións de esporulación nalgunha estación illada (pola práctica ausencia de humidade foliar). En calquera caso, débese manter a vixilancia de forma máis exhaustiva naquelas leiras que sufrisen danos e onde ademais transcorrese xa o período de protección do tratamento anterior.  En canto ao Oidio se advertiron novos síntomas, pero aínda pode producirse algún dano na uva, especialmente naquelas parcelas ou plantas sensibles, polo que se debe manter tamén a vixilancia.


Na rede de trampas para as couces do acio instaladas por Areeiro as capturas desta semana foron moi baixas e non é necesario tratar. En canto aos ácaros, atopáronse algúns síntomas de Calepitrimerus vitis nos brotes terminais dunha planta, pero a situación máis xeneralizada é a súa ausencia.

Maceira
Fronte á semana anterior, incrementáronse sensiblemente as porcentaxes de parasitismo por Aphelinus mali, coñecido como pulgón laníxero, nalgunhas parcelas. Por outra banda, mantivéronse elevadas as capturas da couce da maceira, a Cydia pomonella, superando amplamente o limiar de tolerancia. Os técnicos indican que o voo dos adultos é continuo ao longo da campaña e pode variar moito entre leiras, polo que é importante manter a protección en caso de non facer seguimentos específicos da evolución da praga.
En canto á araña vermella, nesta semana a EFA recibiu varias mostras de maceiras de diferentes zonas e variedades coa coloración bronceada característica do ataque deste ácaro. É preciso lembrar que, do mesmo xeito que noutros cultivos, tamén na maceira hai ácaros útiles fitoseidos que adoitan estar presentes cando non se efectúan tratamentos indiscriminados que os prexudiquen. Por iso, non se debe tratar, a menos que sexa realmente necesario (se se supera o limiar de 40-45% de follas con presenza do ácaro infesta).

Cítricos
Seguen a ser numerosísimas as consultas procedentes de diferentes áreas da provincia relativas á praga da Psila africana, posto que os seus síntomas están a ser moi evidentes. Cabe destacar que estes días algunhas plantas mostran partes amarelas ou decaementos, síntomas que poderían apuntar á enfermidade que pode transmitir o insecto, pero a sintomatoloxía é, na súa maioría, consecuencia das especiais condicións climáticas reinantes.

.

No hay comentarios:

Publicar un comentario